Urbaser teima na política represiva e volverá aos xulgados por vulneración da liberdade sindical
A empresa non recoñece o delegado sindical tras sete meses nomeado
Lugo -
Urbaser (encargada do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria no Concello de Lugo) volverá aos xulgados, nesta ocasión por vulneración de dereitos fundamentais, concretamente da liberdade sindical. O xuízo, que se celebrará este 23 de maio no Xulgado do Social 3, veu motivado a raíz da denuncia presentada contra a empresa pola CIG e o Delegado da Sección Sindical.
O 29 de xuño do ano pasado a CIG. comunicou á Dirección de Urbaser o resultado da Asemblea de elección do seu Delegado Sindical, xa que nas eleccións sindicais acadara máis do 25% dos votos e cumpría tamén a porcentaxe do 25% de afiliación na empresa (requisitos estabelecidos no artigo 41 do convenio colectivo para ter dereito cun delegado/a sindical coas mesmas garantías que os/as membros do comité de empresa).
En febreiro pasado, despois de 7 meses do nomeamento do delegado sindical da CIG e recoñecéndolle a empresa durante todo este tempo os dereitos recollidos na lexislación vixente, a Dirección de Urbaser comunica o non recoñecemento da Sección Sindical da central nacionalista e, de xeito unilateral, descóntalle ao traballador as retribucións correspondentes ao crédito horario consumido dende xullo do ano 2016.
"Xa chove sobre mollado, pois unha vez máis a Dirección de Urbaser volve amosar a súa habitual política de represión sindical contra as persoas que pretenden traballar sindicalmente a prol da defensa dos dereitos laborais nesta empresa", aseveran dende a CIG de Lugo. Non está de máis lembrar que Urbaser que xa ten dúas sentenzas condenatorias por vulneración de dereitos fundamentais ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza: a correspondente á folga de 2014 e a do despido nulo do Presidente do anterior Comité de Empresa.
"Na CIG lamentamos que teña que ser novamente a xustiza quen garanta a liberdade sindical do persoal de Urbaser", conclúen.