Unha cadea humana rodea San Caetano para reclamarlle á Xunta que non autorice o proxecto de Altri

Milleiros de persoas mobilizáronse en Compostela contra o modelo industrial de enclave, colonial e depredador

Nacional -

Milleiros de persoas sumáronse en Santiago de Compostela á cadea humana que este domingo rodeou o edificio administrativo de San Caetano cun berro unánime: "Altri Non". Con esta protesta reclámase do Goberno galego que atenda o clamor social e non autorice a instalación en Palas de Rei desta industria de enclave que ameaza a viabilidade económica, social e ambiental de todo país.

Ao inicio da mobilización, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, salientaba que, tras da manifestación que o pasado 26 de maio desbordou Palas de Rei, "a resposta de hoxe é unha nova demostración do clamor popular de toda Galiza con Altri".

Denunciou que o Goberno do PP "non pode condenarnos a ter unha industria de enclave, colonial e depredadora como a que formula Altri" e advertiu do impacto social, económico e ambiental que suporía este proxecto para as comarcas da Ulloa, a ría de Arousa e o conxunto de Galiza. Unha ameaza á que, lembrou, "agora temos que sumarlle o intento de reabrir a mina de Touro".

Por iso, chamou a manter a resposta social para parar esta ofensiva do PP, "porque xa está ben. Estamos fartas e fatos de ser unha colonia. Queremos e temos dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra".

Precisamente, a data escollida para esta acción reivindicativa (convocada pola Plataforma Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa) débese ao temor de que a Xunta de Galiza pretenda utilizar o período estival para conceder furtivamente a autorización administrativa -malia que a proposta de Altri non cumpre a lexislación vixente-, nun intento de que a noticia pase desapercibida e minimizar así a capacidade de resposta social.

"Temos que seguir mobilizándonos para evitar que o proxecto GAMA se converta nunha realidade e para obrigar a Xunta de Galiza a asumir as súas responsabilidades, dar un xiro radicar ás súas políticas e apostar por un modelo industrial sostíbel, que reverta no noso desenvolvemento económico e social", asevera.

Manifesto

Despois de realizar a cadea humana, que deu á volta arredor do complexo administrativo de San Caetano, na explanada diante da porta principal da Xunta de Galiza procedeuse a dar lectura a un manifesto que pasamos a reproducir. O acto rematou cunha pequena actuación musical.

Veciñas e veciños chegados de toda Galiza á nosa capital para berrar ben alto ¡Altri non!, benvidas

Pasou un mes da histórica manifestación en Palas de Rei. Hoxe atopámonos de novo, esta vez en Santiago de Compostela, na sede do Goberno galego, para amosar tamén de novo a nosa forza. A forza do noso amor. Non queremos unha ferida no río Ulla.

Non queremos unha ferida no noso país. Non queremos a macrocelulosa que Altri, Greenalia e a Xunta queren chantar no corazón de Galiza. Non queremos un monstro que mastigue eucalipto para vomitar 400.000 toneladas de celulosa, non queremos unha samesuga xigante que absorba 46 millóns de litros de auga do Ulla ao día e devolva unha parte sucia e quente, non queremos 100.000 toneladas de gases efecto invernadoiro, non queremos unha bomba ambiental que afogue o río e dane aínda máis o mar da Arousa. Non queremos Altri!

A macrocelulosa de Greenfiber que a Xunta de Galiza e o señor Rueda quere impoñer a súa vontade, podería poñer en perigo unha área importante na súa biodiversidade de gran valor ecolóxico, con 3 plantas catalogadas en perigo de extinción únicas no mundo ás que se engadirían outras 14 especies catalogadas como vulnerables.

Este monstro roubaríanos, e roubaríalle ao Ulla, 46 millóns de litros ao dia, e voltaría a cambio 30 millóns de litros diarios en condicións perigosas para manter a sua saúde, cheo de compostos quimicos orgánicos e a maior temperatura. A desfeita medioambiental acabaría por se trasladar aos sectores produtivos dependentes do Ulla e da ría de Arousa e mesmo ao abastecemento de auga potábel das localidades que beben del.

Só por isto Augas de Galiza, o organismo competente da Xunta, debería emitir unha resolución negativa e evitar así o descrédito da súa independencia técnica e científica. Vaino facer? Nós estámosllo esixindo hoxe aquí ben alto e claro.

Dende o comezo Altri e a Xunta difuminaron o seu carácter de macrocelulosa. Disfrazárono coma un proxecto sostible e circular. Aínda hoxe, cando todas as súas vergoñas saíron á luz, os promotores ocultan as súas verdadeiras intencións, impoñer un cambio de modelo socioeconómico. Un cambio que non ten en conta o principal abismo ao que se enfronta non só Galiza, senón a humanidade enteira: o cambio climático. A terra e a auga, o mar e o río, son a nosa vida. Vivimos neles e grazas a eles. A riqueza xerada por esta terra da Ulloa e a ría de Arousa está repartida entre milleiros de familias que viven aquí e fan vivir a outras miles de persoas, pois a riqueza queda aquí na comarca, no noso país. Non levamos os cartos a ningún sitio. Favorecemos con isto que o sector transformador e de servizos se desenvolva dun xeito moi próspero como ben se está demostrando nos últimos anos.

Seguimos favorecendo o reparto do ben que nos da a terra, o río e o mar. O modelo da celulosa de ALTRI e da MINA DE TOURO,  non ten en conta o territorio, nin a xente, nin a nosa forma de vida e cultura… é un modelo colonial onde espolias os bens dun lugar e marchas cando a o teto está seco, deixando atrás unha terra queimada. Destrúe o noso emprego, favorece o cambio climático, contamina o medio do que vivimos e arruína a nosa soberanía alimentaria. Ese é o modelo que impulsa e publicita o goberno da Xunta de Galiza.  As persoas que vivimos nesta terra non lle importamos nada.

Porque o seu mal chamado progreso vai en contra da propia vida, do Ulla e das xentes que habitamos o territorio. Preguntámonos para quen son estratéxicos estes proxectos.

A destrución do tecido socioeconómico existente e das súas condicións medioambientais é estratéxico para quen?

Instalar ao pé do Camiño de Santiago unha macrocelulosa de 366 hectáreas e enormes chemineas que deitan compostos químicos é estratéxico para quen?

Poñer en risco a produción marisqueira da ría de Arousa é estratéxico para quen?

Mudar a superficie agraria útil en de eucaliptais é estratéxico para quen?

Queremos dicirlle a ese suposto gabinete da Xunta que supostamente decide que industrias son estratéxicas que teno que facer de verdade. E para facelo de verdade ten que estudar as verdadeiras necesidades dos sectores agrogandeiro, pesqueiro e marisqueiro, as necesidade das que vivimos e traballamos sobre o territorio. Pero á Xunta do señor Rueda, que máis ca un presidente de todas as galegas e galegos parece o comercial de Altri, importámoslle ben pouco.

Presentamos máis de 20.000 alegacións e teima en dicir que deciden os técnicos. E ese suposto gabinete inventado non é máis ca unha tapadeira, un parapeto detrás do que agochar as decisións políticas do señor Rueda. Como pode cualificar de proxectos industriais estratéxicos o que a todas luces non son mais que empresas depredadoras?  Respecten a nosa forma de vida! Nós xeramos a riqueza, nós somos a verdadeira economía circular. A obriga da Xunta de Galiza é apoiarnos, non destruírnos. A súa obriga e apoiarnos e garantir o noso dereito a vivir e traballar dignamente na nosa terra.

Pero non só ten que nos escoitar o Goberno galego. O Goberno estatal debe saber que o pobo galego non quere Altri, non quere un proxecto que convirta a terra e a auga en miseria. Non pode dar luz verde a un proxecto que incumpre todos os principios para non causar danos significativos ao medio ambiente. Non é posíbel que un proxecto como Altri poida optar a fondos europeos. E todos sabemos que sen os cartos públicos, sen os cartos de todas e todos os nós, sen eses 250 millóns que a multinacional pretende extraer de Europa, non haberá macrocelulosa. O país enteiro berra Altri non! Deneguen os fondos para descarbonización a empresas depredadoras de recursos!

Hoxe estamos aquí rodeando a sede do poder galego, veciñas e veciños, amigas e amigos.

Facémolo porque non imos consentir que incen Galiza de eucaliptos e que aumente o risco de incendios de xeito expoñencial.

Non imos consentir o arrasamento de terras fértiles e bosques autóctonos e a perda de biodiversidade e paisaxe.

Non imos permitir que, en pleno cambio climático, unha empresa multinacional zugue millóns de litros de auga do río durante 75 anos.

Non imos permitir que polucionen o noso aire.

Non imos permitir que ensucien a ría de Arousa

Non imos permitir que destrúan centos de empregos e o noso medio de vida.

Non imos permitir que saqueen o que é de todos os galegos e de todas galegas.

Non imos permitir que devasten a terra e o mar do que van vivir as nosas fillas e os nosos fillos.

Este domingo somos milleiros aquí, en Santiago de Compostela, a rodear a Xunta de Galiza. É o Goberno galego o que debe cesar no seu apoio á macrocelulosa. É o Goberno de Madrid o que debe negar a este proxecto as axudas europeas. Os gobernos existen para facilitar a vida das persoas, non para atacarnos. Os gobernos existen para apostar por esta terra e polo seu futuro. Queremos seguir vivindo e traballando na nosa terra e por iso berramos ben alto e ben claro con todo o noso corazón: Altri non!

Volver