Dependentas péchanse no control de acceso a Inditex para demandar que se retome a mesa de negociación provincial
Arteixo -
Un grupo de 19 traballadoras e traballadores de diferentes tendas de Inditex acaban de iniciar un peche no control de acceso á sede da multinacional en Arteixo, demandado seren recibidas polo Departamento de Recursos Humanos. O seu obxectivo é entregarlle á empresa as sinaturas individuais recollidas nas dúas últimas semanas entre máis do 70% das traballadoras das tendas da provincia da Coruña reclamando que se reactive a mesa de negociación provincial para abordar as melloras laborais e sociais que ficaron pendentes.
Estas sinaturas apoian os escritos xa trasladados a Inditex por cada un dos comités das diferentes cadeas nos que se solicitaba a apertura dunha mesa similar a de 2016 para tratar os puntos que só afectan á provincia da Coruña e que, polo tanto, "deben ser negociadas neste territorio". Esta táboa reivindicativa, subliñan as delegadas da CIG, vai no camiño de avanzar na equiparación co persoal doutras empresas do grupo que teñen mellores condicións, incluso tendo categorías inferiores, e na equiparación entre todas as cadeas.
Mais unha vez desbotada por parte de Inditex unha mesa provincial que abranguera a todas as cadeas, "atendendo ao mandato das traballadoras, reclamamos a apertura dunha mesa de negociación formal con cada comité para seguir avanzando nas materias expostas". Esta solicitude, explica Lucía Domínguez, presidenta do comité de Stradivarius da Coruña, trasladóuselle por parte de cada comité a Inditex o pasado 15 de abril, mais a día de hoxe "nin sequera foi respondida por escrito, o que supón un exemplo máis do pasotismo e a indiferenza da empresa cara á representación legal das súas traballadoras".
Neste contexto, as delegadas da CIG acordaron desenvolver esta acción directa de protesta porque "nos vemos na obriga de levarlle en persoa a Inditex o sentir das traballadoras, para que nos respecten e sexamos tidas en conta, como xa fai con outro persoal desta provincia". Neste senso, advirten que as dependentas están fartas de seren tratadas pola empresa como traballadoras de segunda e reclaman formar parte tamén do reparto deses milmillonarios beneficios que axudan a xerar.
A pretensión é soster a medida de presión "até sermos recibidas por unha persoa con responsabilidade e capacidade de decisión dentro do Departamento de Recursos Humanos e que se escoiten as nosas xustas demandas".
Melloras nas condicións e equiparación entre as cadeas
Sobre as reivindicacións concretas, Domínguez sinala que se trata de cuestión que só afectan a provincia como o plus sede, a recuperación do plus de antigüidade, ou o estabelecemento do bono comedor -ou medida equivalente-. Mais tamén se demandan medidas para a homoxeneización e a equiparación de todas as condicións entre as distintas cadeas: calendarios, libranza dos sábados, licencias e descansos, xornadas, categorías etc. "É inxusto e discriminatorio que dentro da mesma provincia teñamos condicións diferentes polo simple feito de traballar nunha cadea ou noutra", apunta.
A representación da CIG subliña que tanto as cuestións acordadas no pacto de 2016 como a aplicación doutras melloras e a recuperación de dereitos (principalmente o complemento de antigüidade) "deben ser negociadas e melloradas aquí".
A este respecto, poñen o foco no feito diferencial nas condicións nas que teñen que desenvolver o seu traballo e as presións adicionais que lles supón a proximidade á sede mundial da compañía, o contacto continuo e directo coas altas direccións e que as tendas da Coruña sexan o campo de experimentación e proba de todas sa iniciativas e campañas comerciais da empresa.