Traballadoras SAD Clece: "A situación que padecemos é de precariedade absoluta"

O Comité do servizo de axuda a domicilio da Coruña denuncia o total incumprimento do convenio colectivo

A Coruña -

Traballadoras/es do servizo de axuda a domicilio da Coruña concentráronse novamente este xoves diante do Pazo de María Pita para denunciar a precariedade laboral que padecen a causa do "total incumprimento do convenio" por parte da empresa adxudicataria, Clece.

As traballadoras denuncian os abusos por parte de Clece, que está a utilizar fraudulentamente o sistema de bolsa de horas recollida no convenio colectivo, aplicando mal os descontos que se liquidan de xeito trimestral. Neste senso, Johanna Reyes, delegada CIG, explica que a empresa fai traballar o persoal fóra da súa xornada e cambia os horarios sen previo aviso.

"Temos que estar dispoñíbeis as 24 horas do día, a empresa incluso chama as traballadoras para que se incorporen ao posto dándolles unha marxe de media hora, e se non podes acudir métecho no sistema de bolsa de horas, que non está previsto para iso. Con esta empresa é imposíbel conciliar a vida laboral coa vida familiar", denuncia Reyes.

A representante do persoal aínda engade máis: cambios de cuadrantes continuados -incluso para as empregadas que teñen solicitada a concreción horaria-, non se respectan as 12 horas de descanso entre xornada, o traballo diario supera as nove horas e mesmo se chegan a facer 15 días de traballo continuado sen ningunha xornada de descanso.

"Desamparo absoluto"

"A situación que padecemos é de precariedade e de desamparo absoluto", subliña Reyes, quen pon o acento na falta de visibilidade das traballadoras deste sector "a pesar de que realizamos un labor de atención básico e tremendamente importante".

Sobre o carácter de servizo público do traballo que realizan, apuntou que dende o Comité xa denunciaron todos os incumprimentos da concesionaria diante da Concellaría de Asuntos Sociais. "A resposta foi boa, pero como á empresa lle acaba o concurso no mes de xuño, pasa de todo", lamenta.

Hai que lembrar que Clece xa foi sancionada polo Concello por incumprir os pregos de condicións, mais a súa actitude non mudou. Por iso, un dos temores das traballadoras é que Clece volva resultar adxudicataria do servizo no próximo concurso.

Xestión dos servizos públicos en mans privadas

Unha vez máis, estamos ante as consecuencias de deixar a xestión dos servizos públicos e da atención social básica en mans de empresas privadas cuxo interese non está nin na calidade do servizo que se presta á cidadanía nin, por suposto, no respecto ás condicións laborais do persoal que o realiza.

Clece -adxudicataria de numerosos contratos coas administracións públicas galegas- é coñecida por non respectar os convenios colectivos e incumprir os pregos de condicións. Neste senso, Johanna Reyes apunta á política que segue a empresa de non dialogar co Comité e obrigar as traballadoras e traballadores a acudir aos xulgados para veren recoñecidos os seus dereitos, coa demora que isto conleva.

Volver