As traballadoras das residencias privadas evidencian a súa disposición a loitar por un convenio digno no 2º día de folga
A CIG chama a participar na manifestación deste sábado 26 de abril, ás 11h, dende a Alameda de Compostela
Nacional -
As traballadoras das residencias privadas están secundando este martes a segunda das catro xornadas de folga convocadas pola CIG en demanda dun convenio colectivo digno e salarios xustos. Aínda que os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta impiden na práctica a moito do persoal exercer este dereito fundamental, o apoio á folga evidénciase nas concentracións espontáneas que as traballadoras están realizando diante das residencias aproveitando os tempos de descanso e os cambios de quenda.

Estas protestas súmanse as realizadas pola CIG en residencias da Coruña, Castro de Rei, Pereiro de Aguiar, Vilagarcía, Santiago, Ferrol (onde se fixo unha vixilia pola morte do convenio), Carballo, Ribeira, Noia e Vigo, onde se desenvolveu tamén unha concentración diante da sede de DomusVi, unha das principais empresas que controla o convenio.
Salarios de miseria
Sobrecarga de traballo, asunción de tarefas que non corresponden, falta de tempo suficiente para atender as persoas usuarias, salarios de miseria e unhas ratios obsoletas, son algunhas das problemáticas denunciadas polas traballadoras, que levan meses mobilizándose contra as pretensións patronais de consolidar a precariedade laboral e a pobreza salarial no novo convenio.
O secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya, facía unha valoración moi positiva da participación nesta xornada de folga “tendo en conta as dificultades que existen polos abusivos servizos mínimos”. A este respecto, avanzou que o sindicato está valorando denunciar a varias empresas do sector que comunicaron os servizos mínimos con posterioridade ao inicio da folga ao entender “que isto constitúe unha vulneración do dereito á folga e non o imos consentir”. Nesta liña avanzou que a CIG tampouco tolerará presións e coaccións as traballadoras no contexto da folga.
Inmobilismo da patronal e inacción da Xunta

Naya puxo en valor o ánimo e a disposición das traballadoras para seguir loitando polos seus dereitos e fixo un chamamento a participar masivamente na manifestación nacional convocada para este sábado, 26 de abril, con saída ás 11h da Alameda de Santiago de Compostela. Anima a converter esta mobilización nunha gran demostración de forza fronte ao inmobilismo da patronal e á inacción da Xunta de Galiza.
Reiterou as críticas á falta de vontade negociadora da patronal, que mantén paralizadas as negociacións dende o pasado mes de outubro, condenando así o persoal a seguir perdendo poder adquisitivo e a unhas táboas salariais que, nas categorías máis baixas, xa quedaron por debaixo do SMI.

Rexeitou tamén a actitude da Consellaría de Política Social “que aínda non respondeu á solicitude de reunión que fixemos en setembro e que pretende lavar as mans neste conflito, a pesar das súas responsabilidades na materia e de fomentar un modelo de coidados privatizado que precariza as traballadoras e a atención ás persoas usuarias para incrementar os beneficios das empresas”.
Naya lembrou que boa parte do negocio do sector está nas prazas concertadas e na xestión de centros que son de titularidade pública, polo que “a Xunta ten que tomar en serio as demandas das traballadoras e implicarse tanto na negociación colectiva como na dignificación das condicións laborais e salariais”.
Neste contexto, a folga continuará os días 7 e 21 de maio e a partir de aí, de non producírense avances, avaliaranse as seguintes accións e medidas a tomar.

Problemas en DomusVi Laraxe
Para exemplificar a situación no sector, a CIG-Servizos expón o caso de DomusVi Laraxe (Ferrolterra), centro de xestión privada pero coa totalidade de prazas públicas de grandes dependentes, que leva días sen ascensores utilizábeis. A responsábel do sector na comarca, Bea Fernández, explicou que tras meses cun elevador avariado, agora estragouse o que quedaba “polo que as persoas residentes teñen que permanecer confinadas nos seus cuartos ou, no mellor dos casos, nas plantas nas que están ubicadas”.
Criticou a inacción da empresa e que teñan que ser as familias e as traballadoras quen saian a denunciar publicamente esta situación “e as condicións lamentábeis e estresantes nas que teñen que realizar o seu traballo”. Neste senso, sinalou que tarefas como a limpeza do centro e o reparto de roupa ou a propia comida “teñen que ser realizadas no único ascensor que queda en funcionamento, un pequeno onde apenas collen catro persoas”.
Por iso, a central reclama da Xunta de Galiza que exerza o seu labor inspector e non consinta nestas prácticas empresariais “vergoñentas” que mercantilizan e converten os coidados nun privilexio e as residencias de persoas maiores en fábricas de precariedade”.
Novas relacionadas
