As traballadoras da limpeza consideran unha burla que a patronal adíe até o 10 de novembro a reunión do convenio

Lugo -

Armadas coas súas fregonas, tamboriles, bucinas, con disfraces de fregona e cunha forza exemplar, as traballadoras da limpeza de Lugo continúan adiante coa folga indefinida para reclamar un convenio digno e non a miseria que ofrece a patronal. Este martes, as protestas ampliáronse e ademais de na cidade de Lugo, un grupo de traballadoras da Mariña tamén se concentrou na Praza do Concello de Burela.

En Lugo, as traballadoras concentráronse diante do edificio da Deputación provincial, onde o colectivo de bombeiros comarcais tamén tiña convocada unha mobilización, e onde estaba despregado xa dende ás 11 horas un fortísimo dispositivo policial. Cando as traballadoras quixeron acceder á praza impedíuselle pasar cos paos das fregonas e os paos das bandeiras, alegando motivos de seguridade, e tiveron que desenvolver a concentración rodeadas dos furgóns e os axentes de policía.

Malia estes impedimentos, as traballadoras fixeron gala do seu espírito reivindicativo e combativo, e en todo o tempo que durou a protesta non pararon de corear consignas, tocar o tambor, soprar as bucinas e cantar cancións que xa se converteron nun himno deste conflito como a que comeza co retrouso “as limpadoras loitadoras, os empresarios explotadores”.

No medio da concentración, chegou unha chamada da Confederación de Empresarios/as de Lugo convocando reunión da comisión negociadora para o día 10 de novembro. Para daquela, as traballadoras xa levarán catro semanas en folga, perdendo salarios e cotizacións, mentres a patronal dilata de maneira innecesaria a resolución do conflito.

Por iso, o anuncio afondou no malestar das traballadoras xa que levan agardando por unha resposta da patronal dende a última xuntanza de convenio, sucedida o 27 de xuño. Cos soldos conxelados dende 2021, perdendo poder adquisitivo pola suba imparábel da vida, e cunhas táboas que xa foron superadas polo SMI, “cada día que pasa, o sector está máis cabreado e con máis forza para seguir adiante. Non imos dar un paso atrás, a folga indefinida sigue”, aseveraba Asunción Castiñeira da CIG-Servizos, pouco antes de recibir a chamada da CEL.

Explicaba que o seguimento do paro é masivo polo que a situación en moitas dependencias públicas que teñen externalizado o servizo de limpeza, como os colexios, “é grave, pero a administración parece non importarlle e mira para outro lado”. Neste senso, recalcou que as administracións “como principais contratistas destes servizos, son tamén responsábeis e teñen que actuar neste conflito e obrigar a ASPEL (a patronal estatal) a sentar a negociar. Non queda outra”.

Manifestación o sábado ás 12 horas

Confirmou que a folga e as mobilizacións continuarán mentres non haxa un convenio digno “porque o que pedimos é xusto e asumíbel para as empresas”. Para o próximo xoves está convocada concentración en Monforte e o sábado 4 de novembro farase unha gran manifestación na que participarán compañeiras e compañeiros de todo o país. A marcha sairá ás 12h de diante da Casa Sindical.

Volver