Traballadoras de limpeza da Xunta demandan no Parlamento de Galiza igualdade salarial

Mantiveron xuntanzas cos grupos parlamentares do BNG e En Marea

Compostela -

Persoal da empresa concesionaria do servizo de limpeza da Xunta, Grupo Norte, concentrouse esta mañá diante do Parlamento de Galiza retomando así as mobilizacións en demanda da igualdade retributiva, dada a brecha salarial existente por mor do non recoñecemento da categoría profesional de peón especialista a ningunha das traballadoras. No decurso da concentración representantes do comité e sindicais reuníronse cos grupos parlamentares de En Marea e do BNG para trasladarlles as súas demandas. Ambos os grupos amosaron o seu apoio e solidariedade a súa disposición a trasladar tanto propostas como solicitudes no Parlamento.

Ao tempo dirixíronse ao grupo parlamentar do PSOE, co que está pendente de fixar a data de reunión, pero que xa manifestaron a súa dispoñibilidade para manter esta xuntanza.

O vindeiro luns reunirase o comité de empresa para valorar tanto as xuntanzas cos grupos parlamentares como o novo calendario de mobilizacións que farán público a partir desa data.

Sen acordo coa empresa

Desde que comezaron as mobilizacións celebráronse 3 xuntanzas coa empresa que en ningún momento asumiu o recoñecemento do dereito das traballadoras a acceder á categoría profesional subsanando a desigualdade que se arrastra desde hai anos.

A última proposta que se trasladou ao Grupo Norte, a principios do mes de xullo, contemplaba o recoñecemento inmediato da categoría profesional de peón especialista para todas as traballadoras con máis de dous trienios de antigüidade, ou como mínimo con esta, de igual maneira que se viu facendo cos traballadores que entraban coa categoría de limpadores.

Canto ao aspecto económico, e para facilitar os termos do acordo, a proposta incluía o establecemento de tramos para abonar a diferenza salarial entre ambas as dúas categorías de cara a acadar o 100% de igualdade salarial a partir do 1 de marzo de 2021.

O persoal segue a demandar, e así o trasladaron tamén aos grupos parlamentares, a oferta técnica presentada pola empresa para a licitación deste concurso público. Oferta que non é confidencial, segundo o reflectido nas actas da mesa de contratación, pero que a empresa se nega a entregar e respecto da que a  Xunta de Galiza mantén silencio malia terlla requirido por escrito o pasado mes de maio.

Volver