Traballadoras de DomusVi Laraxe protestan contra a precariedade e os abusos laborais

Cabanas -

Traballadoras da residencia DomusVi Laraxe concentráronse este martes para manifestar a súa preocupación "pola deriva que está a tomar este centro". O comité, na súa totalidade da CIG, denuncia a precariedade laboral na que está a traballar o persoal soportando condicións indignas e unha sobrecarga física e emocional insoportábel.

Advirten da falta de persoal, da existencia de contratos con xornadas miserentas, de cambios constantes nas quendas, denegacións de permisos retribuídos, ou a ausencia de enfermaría nas quendas de noite.

A isto hai que engadir as actitudes despóticas que as traballadoras levan anos padecendo por parte do director do centro e da súa equipa, "que se afastan moito do clima de benestar laboral que DomusVi predica". Estas actuacións foron comunicadas en reiteradas ocasións á dirección de recursos humanos da empresa "a quen pouco parecen importarlle".

Por iso, coa concentración deste martes, as traballadoras do centro de Laraxe "queremos dicir basta xa, dos abusos, do autoritarismo, dos desprezos, da prepotencia dun equipo directivo que está a forzar o persoal a desenvolver o seu traballo en condicións nefastas".

Neste senso, a responsábel de residencias privadas da CIG-Servizos de Ferrol, Beatriz Fernández, lembra que a de Laraxe é unha residencia dependente da Xunta de Galiza "e tería que ser esta administración quen controle e garanta os coidados aos usuarios e usuarias do centro".

Pero, en vez de exercer o seu labor inspector, a Xunta promove que se convertan as residencias de maiores en fábricas de precariedade, permitindo que as empresas fagan caixa a custe das persoas usuarias, empobrecendo cada ves máis a calidade na atención que se lles presta" e deteriorando as condicións laborais de quen realiza estas tarefas de coidado.

Volver