Manifestación e demostración de actividades na terceira xornada de folga nas escolas deportivas da Coruña
O paro rexistra un seguimento totale o persoal reclama o cobro inmediato dos salarios e que os pregos inclúan melloras laborais e retributivas
A Coruña -
O 100% do persoal está secundando a terceira xornada de folga nas escolas deportivas municipais da Coruña para reclamarlle ao Concello que atenda a táboa reivindicativa e incorpore nos próximos pregos melloras reais nas condicións laborais e salariais. O persoal tamén segue a reclamar o cobro inmediato dos salarios que Serviplus (a empresa que até agora prestaba o servizo) ten pendentes de abonar: a nómina de decembro, a paga extra de nadal e as cantidades correspondentes aos atrasos.

A xornada desenvólvese mentres continúa o proceso de cambio de empresa na xestión do servizo e para darlle visibilidade á súa loita, o persoal saíu en manifestación dende o Pazo de deportes de Riazor até a Praza de María Pita. Ás porta da Casa do Concello fíxose unha concentración e unha sesión de actividades deportivas na que participaron as ducias de persoas usuarias que dende o primeiro momento están apoiando as demandas das traballadoras e traballadores.
Ao remate da mobilización, a representación do persoal rexistrou un escrito solicitando manter unha reunión co alcaldesa, Inés Rey, ou co primeiro tenente de alcaldesa, José Manuel Lage Tuñas, para abordar o estado dos pregos da seguinte concesión e demandar que se inclúa a táboa reivindicativa para mellorar as condicións retributivas e laborais longamente demandada.
O actual calendario de folgas e mobilizacións conclúe mañá martes, día no que tamén está convocada unha nova concentración, desta volta ás 12:00 horas, en Riazor.

