Solidariedade coa loita en Maitours: persoal do sector concéntrase nas estacións de bus da Coruña e Pontevedra
Ferrol -
Traballadores e traballadoras do transporte de viaxeiros/as por estrada concentráronse este xoves na estación de autobuses da Coruña e Pontevedra en solidariedade cos compañeiros e compañeiras de Maitours, que están en folga dende o mes de xullo para reclamarlle á empresa que se lles aplique o convenio colectivo sectorial, que se compensen os festivos traballados e que se cumpra co acordo para a realización dos servizos imprevistos.
Esta protesta foi acordada a pasada semana durante unha asemblea de delegadas e delegados da CIG no sector ante o enquistamento do conflito en Maitours pola negativa rotunda da empresa a negociar e a falta de mediación da Xunta de Galiza, malia ser responsábel do contrato. De feito, denunciou o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, a única intervención da administración galega foi para triplicar os servizos mínimos coincidindo co inicio do curso escolar.
"Pedímoslle a Xunta que aparecera para tentar solucionar o conflito e o que fixo foi aparecer para colocarse do lado da patronal e intentar rebentar a folga. Porque con estes mínimos impídese na práctica que o persoal poida exercer o seu dereito á folga". Pastoriza pon acento na falta de motivación deste novo decreto, pois tanto nunha folga previa en Alsa como na folga sectorial en marzo do pasado ano, os servizos mínimos ían na liña dos impostos nun primeiro momento para Maitours.
Neste contexto, a representación da CIG no sector decidiu estender o conflito para darlle visibilidade fóra de Ferrol, programando concentracións semanais en diferentes puntos do país en apoio a esta loita. "Os traballadores e as traballadoras non van cesar nas súas demandas", aseverou Pastoriza.
O convenio colectivo de aplicación
Maitours, xunto con Intercar, forma a UTE que ten adxudicado o servizo de transporte urbano e interurbano na comarca de Ferrol. Ambas empresas pertencen ao Grupo Alsa pero mentres que o persoal de Maitours continúa regulado polo convenio colectivo da extinta Tranvías de Ferrol, ao persoal de Intercar (e do resto do sector na provincia) aplícaselle o convenio do transporte de viaxeiros/as por estrada da Coruña.
Isto constitúe un claro prexuízo para os traballadores e traballadoras de Maitours que, realizando o mesmo traballo, teñen condicións salariais e laborais inferiores, non se lles aplican as subas pactadas en convenio e non teñen recoñecidos dereitos como o cobro das dietas ou a antigüidade. De tal xeito, subliña Pastoriza, que un traballador de Maitours con 18 anos de antigüidade "está a cobrar arredor duns 1.200 euros brutos, o que provoca unha diferenza de entre 400 e 600 euros co resto do persoal ao que se lle aplica o convenio provincial".
Pastoriza salienta que a última reforma laboral obriga a que se pague polo convenio provincial e non polo convenio de empresa que Alsa lle aplica ao persoal de Maitours (o da extinta Tranvías de Ferrol), "porque os salarios non poden ser inferiores aos do convenio provincial do sector". Así o recoñece tamén a Inspección de Traballo a quen se lle solicitou que elabore un informe por escrito a este respecto.
A empresa segue escudándose nunha sentenza anterior a esa reforma, ditada a raíz do conflito colectivo presentado contra Maitours, que recoñece que o convenio regulador ten que ser o provincial, pero deixa a materialización deste cambio á súa publicación no BOP. Por iso, outro problema engadido, apunta Pastoriza, é que malia estar todo pactado, a patronal provincial está dilatando de maneira inxustificada a sinatura do convenio.
En todo caso, o representante da CIG indica que as táboas salariais xa foron publicadas no BOP "polo que entendemos que unha vez feita pública a parte económica do convenio tería que facerse efectiva de inmediato a súa aplicación en materia de salarios, antigüidade, dietas e demais para o persoal de Maitours".
Por iso, ante a negativa persistente e rotunda da empresa a negociar e buscar unha saída ao conflito e o boicot da Xunta de Galiza ao desenvolvemento da folga impondo uns servizos mínimos abusivos, acordouse realizar estas concentracións simultáneas na Coruña e Pontevedra en apoio á loita do persoal de Maitours e para reclamar que se respecten os dereitos laborais e salariais do sector.