"Seguiremos aquí até que a empresa pague o salario a todo o persoal"
Representantes dos traballadores/as continúan na delegación da empresa agardando unha "resposta seria"
Oleiros -
Máis de 24 horas despois, o Comité de Segur Ibérica na Coruña continúa na delegación territorial agardando unha resposta "seria" por parte da empresa: é dicir, garantías de que vai proceder ao pago inmediato das nóminas a todo o persoal que aínda non cobrou o mes de outubro.
Non é problema do persoal que haxa clientes con facturas pendentes"
A primeira hora desta tarde, a representación social compareceu ás portas da delegación territorial de Segur Ibérica para dar resposta á carta remitida onte pola empresa, na que pretende xustificar o impago dos salarios alegando que ten clientes que aínda non abonaron a factura correspondente.
A este respecto, destacan que "non é problema dos traballadores/as" que haxa clientes con facturas pendentes, como "tampouco é causa dese impago o traballo realizado polo persoal", que realiza as súas tarefas con total profesionalidade.
Afrontar o pago dos salarios
Nesta liña, o Comité considera que debería entrar nos cálculos de calquera empresa a posibilidade dun imprevisto e que, ante todo, ten que saber facer fronte ao pagos dos salarios dos seus traballadores/as, xa que son o seu principal activo.
A única resposta seria é que a empresa pague os salarios"
Por iso entenden que o escrito pola empresa "non implica ningunha proposta seria de solución do conflito que nos ten aquí e que non é outro que o impago dos salarios dos compañeiros e compañeiras".
Informaron tamén que o Comité está a realizar xestións a nivel provincial e estatal para conseguir que se pague a todo o persoal, e amosan a súa disposición "a discutir con Segur Ibérica calquera proposta de solución seria que nos queiran transmitir".
Reunidos indefinidamente
Entre tanto, "en ausencia de propostas serias por parte da empresa, seguiremos reunidos indefinidamente até que os compañeiros e compañeiras cobren os seus salarios, e emprenderemos as accións que consideremos oportunas en cada momento".
Ademais dos membros do Comité, un grupo de traballadores tamén se trasladou esta tarde até as oficinas de Segur Ibérica para esixir de primeira man o cobro dos seus salarios e coñecer as xestións da compañía. Hai que lembrar que dos arredor de 700 traballadores/as da empresa en Galiza, hai uns 51 que aínda non recibiron os seus soldos.