Seguimento do 90% no inicio da folga por un convenio digno no mantemento das zonas verdes de Vigo

A actual concesionaria (unha UTE integrada por Acciona e Mantén) pretende atrasar os incrementos salariais ao ano 2027 e repercutilos á nova concesión

Vigo -

O persoal de parques e xardíns do Concello de Vigo iniciou este luns unha folga indefinida para demandar un convenio colectivo digno. A principal discrepancia coa empresa, UTE Zonas Verdes de Vigo (Acciona e Mantén), está nos incrementos salariais xa que mentes a parte social reclama unha suba xusta con referencia ao IPC, a patronal só ofrece incrementos para o ano 2026 e 2027, mais sen asumir ningún custe de suba mentres dure a actual concesión.

"Non imos asumir ningunha proposta que supoña seguir perdendo poder adquisitivo", aseveraba o presidente do comité, Alfredo Filgueiras, durante a concentración que os traballadores e as traballadoras desenvolveron esta mañá diante do Concello de Vigo. "Só estamos pedindo subas iguais ao IPC, algo ao que a empresa se nega", subliñou.

Filgueiras criticou que a UTE pretenda repercutir calquera incremento que se acorde á nova concesión, algo inasumíbel para o comité xa que o considera ilegal. Explicou que se acadaron acordos en materias como vacacións, compensacións ou vacantes, pero que en cuestión económica as ofertas da empresa son absolutamente "desorbitadas" e todas con cargo ao ano 2027.

Como exemplo, expuxo que a UTE propón que até ese ano non se comecen a cobrar os tramos da antigüidade, pero formula para ese exercicio unha suba de case un 300%. "Nós negámonos a que os incrementos sexan con cargo á nova contrata", reiterou Filgueiras, tanto pola dubidosa legalidade desta práctica como porque nas conversas co Concello de Vigo, este xa indicou que non vai achegar orzamento a posteriori.

A folga arranca cun seguimento case total

No servizo de mantemento de parques e xardíns traballan unhas 120 persoas e neste primeiro día de folga, o seguimento está sendo do 90%, xa que só acudiron ao seu posto oito traballadores/as.

Dende primeira hora, o persoal despregouse nun piquete informativo na nave da empresa para comprobar que só saían os servizos mínimos, que Filgueiras xa avanzou que se van impugnar por consideralos abusivos. A este respecto, tamén sinalou que se presentará denuncia na Inspección de Traballo pola actuación da empresa "que considera os servizos mínimos como servizos ordinarios" e dispuxo o persoal a facer tarefas que non estaban previstas na actividade desta xornada.

Volver