Proseguen as mobilizacións para esixir melloras salariais e laborais en Eroski
A Sección Sindical da CIG concentrouse no supermercado que a empresa ten na Volta do Castro en Santiago
A Coruña -
A protesta enmárcase no calendario de mobilizacións que a CIG-Servizos está a desenvolver para denunciar as precarias condicións laborais e salariais do persoal de Eroski-Familia. Neste senso, hai que lembrar que as traballadoras/es teñen o salario conxelado dende o ano 2012 e, segundo os cálculos da Sección Sindical da CIG, nestes momentos “a diferenza de salarios co resto de traballadoras/es do sector de alimentación en Galiza supera os 1.700 euros anuais”.
Ademais desta diferenza económica, “tamén facemos a xornada anual máis elevada do sector e a máxima que permite a lei. E aínda así, incluso temos que recuperar os 15 minutos do descanso”, critican.
Por se non fora abondo, a CIG leva anos tentando que a empresa estabeleza un sistema de rexistro de xornada laboral como marca a lexislación, mais a empresa négase de xeito sistemático “porque así pode mover os horarios e non devolver as horas extras”.
Pola contra, a Sección Sindical destaca que durante este tempo, a empresa “non fixo máis que medrar e acumular excelentes resultados”. Así, segundo os datos tirados da memoria anual de Vegalsa, en 2015 a empresa acadou unha cifra de negocio de 973 millóns de euros e uns beneficios antes de impostos de 27.5 millóns de euros.