Persoal de Autoestradas de Galiza concéntrase na peaxe de Vincios para reclamar un convenio digno

Traballadoras e traballadores de Autoestradas de Galiza concentráronse este luns, entre as 19:30 e as 21:00 horas, na peaxe de Vincios para denunciar a precariedade laboral que padecen e reclamar un convenio digno.

Con esta mobilización o persoal, que está a negociar o seu convenio colectivo, denuncia tamén a posición inmobilista da empresa, que se nega a revisar as condicións tanto económicas como laborais. Neste sentido, a CIG subliña que esa revisión é imprescindible para garantir “un mínimo de dignidade” xa que as condicións actuais son “moi precarias”.

Así, afirma que os salarios son moi baixos; que o persoal desenvolve o seu traballo en quenda de día, tarde e noite; que traballan calquera día da semana; que o nivel de estrés é elevado, dado o tráfico que circula pola autoestrada e que mesmo teñen que “queimar” o seu coche particular.

Lembran que a empresa conta todos os anos con beneficios. “Trátase dunha empresa saneada que presta un servizo esencial para a mobilidade”, explican, mais denuncian que porén “as persoas traballadoras cada vez cobramos menos e temos unhas peores condicións laborais”.

A CIG denuncia que malia esta situación, a Xunta de Galiza sempre mira para outro lado. “Nin están nin se lles espera a uns gobernantes que prefiren que as empresas gañen cartos a que o servizo sexa de calidade, entendo que non existe un servizo de calidade con persoas traballadoras mal pagadas e en condicións precarias”.

Volver