Persoal das fundacións sanitarias e de medicina xenómica reclama iniciar xa a negociación dun convenio único

Concentráronse diante do Hospital Clínico de Santiago para demandar información sobre o proceso de integración e estabilidade laboral

Nacional -

Persoal das tres fundacións públicas de investigación sanitaria e da Fundación de Medicina Xenómica concentrouse este mércores diante do Hospital Clínico de Santiago para reclamar que se constitúa de inmediato a mesa única para negociar o convenio colectivo. Na protesta, convocada pola CIG-Saúde, tamén se demandou información sobre o proceso de integración no sistema público, a estabilización e consolidación do emprego nestas fundacións e o desbloqueo da contratación.

O responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Saúde, Miguel Tizón, explica que o persoal investigador da Fundación Biomédica Galiza Sur (Vigo), da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) e da Fundación Novoa Santos (A Coruña) leva dous anos co convenio vencido, mentres que a Fundación de Medicina Xenómica "nin sequera ten convenio propio, senón que leva anos adheríndose a un alleo".

Neste contexto, a representación das traballadores e traballadores vén insistíndolle á Consellaría de Sanidade para que constitúa unha mesa única na que negociar un convenio para as catro fundacións, regulando así as condicións laborais, salariais e sociais dun colectivo fundamental para o futuro do sistema sanitario público. "Pero até agora, a resposta da administración sobre a data para convocar esta mesa é a calada", critica Tizón.

O representante sindical critica que a Xunta de Galiza tampouco informou ás representantes do persoal como se está a desenvolver o proceso de integración no sistema público destas fundacións, iniciado en xaneiro deste ano. "Este proceso fíxose de costas ao persoal e sen cumprir co dereito á información que ten toda persoa traballadora nos proceso de subrogación. A día de hoxe nin sabemos que persoal é o afectado nin con que vínculo pasa a ser persoal laboral público".

Relacionado con isto, Tizón advertiu que o sector da investigación na Galiza leva moito tempo arrastrando inestabilidade laboral, sen que nada se teña feito para pórlle solución. "O persoal dedicado á investigación está condenado á incerteza e á inestabilidade, existindo casos de persoas con máis de 15 anos de contratos encadeados", apunta.

A administración pretende resolver esta situación inventando uns  contratos “indefinidos por actividades científico técnicas”, que non dan resposta ao estabelecido nas distintas sentenzas europeas. Por iso, durante a concentración demandouse que se articulen nestas fundacións públicas "procesos negociados de estabilización e consolidación de emprego que dean un futuro digno ao persoal e á investigación sanitaria galega".

Desbloqueo da contratación

A improvisación coa que a Xunta de Galiza levou a cabo a integración das fundacións de investigación sanitaria ten como consecuencia un atraso na autorización dos contratos laborais das persoas necesarias para desenvolver determinadas actividade relacionadas coa investigación, producíndose así certa paralización en todos planos que teñen que ver cos procesos investigadores.

Esta falta de dilixencia por parte de Función Pública "xa fai tempo que a vén sufrindo a fundación encargada da medicina xenómica de toda Galiza, se ben a contratación neste caso non está paralizada", engade Tizón. O representante da CIG exixiu que se lle dea "a urxencia que teñen tanto a actividade investigadora como a parte asistencial da medicina xenómica na actividade sanitaria, dotándoas dunha estrutura axeitada dentro da Consellería de Sanidade".

Volver