Palestina: Os colaboradores do xenocidio, desde O Cairo até Berlín
Mohamad Hasan Sweidan -
Continúan os vínculos xermano-israelís no teatro militar libanés. O pano de fondo disto é, por suposto, o apoio político, mediático e diplomático abertamente desafiante de Berlín a Israel —a pesar das flagrantes violacións das leis e convencións internacionais pola súa banda— e o escrutinio sen precedentes dos máis altos tribunais do mundo ao seu xenocidio en Gaza e á insostíbel ocupación dos territorios palestinos
En 1973 as forzas armadas exipcias e sirias lanzaron un ataque sorpresa contra Israel, que se coñecería como a "Guerra de Outubro". Nun discurso ante sindicalistas árabes pronunciado polo expresidente de Exipto, Gamal Abdel Nasser, o 26 de maio de 1967 dixo: "A batalla contra Israel será xeral, e o noso principal obxectivo será destruílo".
Máis de cinco décadas despois de que Exipto lanzase a súa guerra e se comprometese a destruír o Estado de ocupación, xurdiron informes de que O Cairo agora está a proporcionar apoio económico e loxístico a Israel durante a súa guerra contra Líbano e Gaza.
Portos exipcios: unha plataforma loxística ao servizo de Israel
De acordo co sitio web de seguimento de buques Marine Traffic e a empresa de datos financeiros LSEG Data & Analytics, o buque alemán MV Kathrin atracou no porto de Alexandría o 28 de outubro. Segundo datos navais de fonte aberta e grupos de dereitos humanos, a nave transportaba —seica— material explosivo destinado ao exército israelí e foi descargado nun peirao militar exipcio tras denegárselle o dereito de atracada en varios países.
O sitio web do porto de Alexandría, que vixía o movemento de buques e a navegación marítima, informa de que a Oficina de Consulta Marítima exipcia (EMCO, polas súas siglas en inglés) encargouse de recibir o vehículo e "descargar" o seu cargamento "militar". Posteriormente, sóubose que a mercadoría foi transportada o mesmo día desde o porto de Alexandría cara ao porto mediterráneo israelí de Ashdod.
Seica, a embarcación MV Katherine transporta oito colectores con 150 mil quilogramos de explosivos RDX destinados a Israeli Military Industries, que é a rama de produción de munición de Elbit Systems, o maior fabricante militar israelí. En setembro o ministro de Asuntos Exteriores de Portugal, Paulo Rangel, declarou recibir información do armador de que a metade do cargamento constituíana produtos de dobre uso, destinados a unha empresa armamentística de Israel.
O interesante é que se impediu que o buque atracase en Namibia, Eslovenia, Malta e Montenegro debido á preocupación destes países de que Tel Aviv utilizase o material explosivo para cometer novos masacres contra civís.
Exipto interveu entón para resolver o dilema do MV Kathrin, ofrecéndolle un lugar onde atracar e descargar a súa mercadoría. Nun extenso informe publicado no sitio web oficial de Amnistía Internacional, o grupo de dereitos humanos escribe: "O goberno exipcio permitiu atracar e descargar no porto de Alexandría ao buque de bandeira alemá 'MV Kathrin', que se cree que transporta explosivos con destino a Israel, a pesar do risco de que este cargamento poida contribuír á comisión de crimes de guerra en Gaza".
Hai que sinalar aquí que a recepción do barco por parte de Alexandría se produciu logo dunha declaración da responsábel de Amnistía en Eslovenia, Natasha Bussell: "O cargamento mortal que se cre que ía a bordo do barco MV Kathrin non debe chegar a Israel porque existe un risco claro de que tal paquete poida contribuír á comisión de crimes de guerra contra civís palestinos".
A estas acusacións respondeu o portavoz militar exipcio nun comunicado publicado na súa páxina de Facebook: "As Forzas Armadas exipcias negan categoricamente o que circulou nas redes sociais e en contas sospeitosas e o que se está promovendo en relación coa asistencia a Israel nas súas operacións militares en xeral e en detalle (...) e subliña que non existe ningunha forma de cooperación con Israel".
A pesar do desmentido, hai moitas probas de que Alexandría recibiu o barco, desde o rastrexo dos lugares de embarque e as empresas de datos globais até os informes de varias partes e gobernos. Hai que ter en conta que, durante os 13 meses de brutal asalto militar de Tel Aviv contra Gaza, cinco portos exipcios se transformaron en nós de paso clave para as exportacións e importacións israelís. Permitir que o MV Kathrin atracara nun destes portos exipcios é simplemente unha continuación do papel asumido polo Cairo para servir aos intereses bélicos de Israel.
Os datos do comercio exterior israelí indican que, durante o nove primeiros meses deste ano, o comercio do Estado de ocupación con cinco países árabes foi o que máis creceu: Emiratos Árabes Unidos, Exipto, Xordania, Marrocos e Bahrain. Segundo estas cifras, o valor do comercio de Israel con Bahrain multiplicouse por dez, o de Marrocos por 53, o de Exipto por 52 e o de Emiratos Árabes Unidos por catro. O comercio global con Xordania diminuíu lixeiramente en 1% debido ao descenso das importacións xordanas procedentes de Israel, pero se ve mitigado polo enorme aumento de 45% das exportacións do país a Xordania. O valor do comercio total da nación cos cinco países árabes ascendeu a 3 mil 400 millóns de dólares, o que reflicte un crecemento de 12%.
Tamén é digna de mención a significativa discrepancia nas cifras comerciais publicadas por Israel e polos países árabes. O valor dos intercambios declarados por Exipto foi moi superior ao das autoridades israelís, o que suxire que ao Cairo non lle preocupa en absoluto declarar o alcance das súas crecentes relacións comerciais con Israel, a pesar dos mortíferos ataques do Estado de ocupación contra Gaza, O Líbano, Cisxordania ocupada, Siria, Iemen e outros lugares da rexión.
Os datos de comercio exterior de Exipto revelan que, desde principios deste ano até xullo, o seu comercio con Israel alcanzou un total de 1 mil 883 millóns de dólares, con 155 millóns en exportacións e 1 mil 728 millóns en importacións. Israel, pola súa banda, afirma que o comercio entrambos os países só alcanzou un total de 431 millóns de dólares, o que supón unha diferenza de 1 mil 452 millóns. Segundo os seus datos, as exportacións ascenderon a 242 millóns de dólares, mentres que as importacións foron de 189 millóns.
Aínda que o papel de Exipto na axuda aos israelís en tempo de guerra non fixo máis que cristalizar, O Cairo foi obxecto de críticas masivas nas redes sociais árabes por un vídeo que mostra o paso do buque de guerra israelí Sa'ar 5 pola Canle de Suez, no que se izan as bandeiras exipcia e israelí mentres a Armada do país proporciona protección ao buque militar.
A Autoridade Exipcia da Canle de Suez (SCA, polas súas siglas en inglés) respondeu á reacción afirmando que todos os buques —comerciais ou militares— teñen dereito a transitar pola canle, e engadiu que é regulamentario izar a bandeira exipcia en todas as naves que pasen pola vía navegábel.
E Alemaña?
O buque MV Kathrin enarboraba a bandeira de Alemaña, é dicir, a do principal fornecedor europeo de armas e apoio internacional a Israel. Entre agosto e outubro, o goberno de devandito país acordou exportar 94 millóns de euros en armas a Tel Aviv. Curiosamente, Berlín só exportou 14 millóns de euros nese apartado a Israel no oito primeiros meses de 2024, o que suxire que o enorme aumento das transferencias está vinculado en gran medida á escalada militar de Israel contra Líbano.
Continúan os vínculos xermano-israelís no teatro militar libanés. Despois de que as forzas especiais de ocupación levasen a cabo unha operación de desembarco na cidade de Batroun, ao norte de Líbano, para secuestrar a un mariño, Imad Amhaz, xurdiron informes de que as forzas navais alemás proporcionaron o apoio necesario á ilegal misión. Segundo estes traballos, o éxito de Israel ao cruzar as augas territoriais libanesas requiriu a coordinación voluntaria ou a neglixencia deliberada da Mariña alemá que opera dentro das forzas de mantemento da paz da ONU no país (Finul, polas súas siglas en inglés). A Forza de Tarefa Marítima (MTF, polas súas siglas en inglés) da FPNUL—baixo o mando do país europeo— foi delegada pola Resolución 1701 do Consello de Seguridade da ONU coa tarefa de axudar ao Líbano a protexer as súas vías marítimas e augas territoriais.
O pano de fondo desta historia é, por suposto, o apoio político, mediático e diplomático abertamente desafiante de Berlín a Israel —a pesar das flagrantes violacións das leis e convencións internacionais pola súa banda— e o escrutinio sen precedentes dos máis altos tribunais do mundo ao seu xenocidio en Gaza e á insostíbel ocupación dos territorios palestinos. Hoxe Berlín xa non é simplemente unha parte que apoia ao Estado ocupante senón que se converteu nun socio para garantir que este consiga alcanzar os seus obxectivos bélicos.
Segundo o diario Al Akhbar, a intelixencia alemá reactivou as súas actividades de recollida de información en Beirut, e o seu equipo das Forzas Internacionais de Emerxencia está a realizar esforzos adicionais co pretexto de asegurar a zona marítima.
As forzas alemás utilizan os seus radares en Líbano non para vixiar as violacións israelís, impedilas, ou mesmo alertar sobre elas, senón máis ben para proporcionarlles datos de alerta temperá sobre os foguetes e drons de Hezbolá, especialmente drons que teñen dificultades para rastrexar e derrubar.
Pode dicirse que o incidente máis grave tivo lugar o 17 de outubro, cando un buque alemán derrubou un avión non tripulado de Hezbolá que se dirixía a Israel.
Recentemente, moitos informes suxiren que Hezbolá tomou a decisión de interromper todo contacto con Alemaña e rexeitar calquera das súas futuras funcións na Finul.
Nun principio, o mandato da Finul consistía en vixiar as violacións israelís da soberanía libanesa por terra, mar e aire. Con todo, os recentes incidentes —en particular os protagonizados por forzas alemás— suscitaron inquietude no Líbano, especialmente entre as faccións da resistencia. O papel da Finul na contención da agresión israelí está agora en dúbida xa que as súas accións demostraron, en múltiples ocasións, que máis ben está a permitir a violencia da ocupación israelí sobre Líbano.
[Artigo tirado do sitio web venezolano Misión Verdad, do 21 de novembro de 2024]