O TSXG confirma a sanción ao centro médico privado El Carmen de Ourense por acoso laboral

A infracción, considerada moi grave, supón unha multa de 60.000 euros para a empresa

Ourense -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de confirmar a sanción proposta no seu día pola Inspección de Traballo de Ourense, e ratificada posteriormente pola autoridade laboral, ao hospital privado Centro Médico El Carmen por acoso laboral.

A infracción laboral foi tipificada no seu momento pola Inspección por incumprimento patronal no respecto á intimidade e consideración debida á dignidade das persoas traballadoras (artigo 8.11 da Lei de Infraccións e Sancións na Orde Social):

Artículo 8. Infracciones muy graves.
11. Los actos del empresario que fueren contrarios al respeto de la intimidad y
consideración debida a la dignidad de los trabajadores.

A empresa recorreu ante o Xulgado do Social, desestimándolle a impugnación, e posteriormente presentou recurso de suplicación ante o TSXG, que vén de confirmar a sentenza de primeira instancia, o que supón unha sanción de 60.000 euros para o centro médico. 

Dende a CIG sinalan que se trata dun “caso típico” de acoso laboral e de “abuso de poder”

Máis alá da denominación estritamente legal da falta “moi grave”, dende a CIG sinalan que se trata dun “caso típico” de acoso laboral e de “abuso de poder” por parte da dirección do centro. E non foi un único caso: até catro traballadoras denunciaron ante a Inspección da man da CIG, sendo confirmados os feitos das denuncias en cada un dos catro casos.

Na actualidade, máis de dous anos dos feitos denunciados, El Carmen pertence ao grupo de sanidade privada Recoletas, de Castela e León, que tamén adquiriu o hospital ourensá Cosaga. Mesmo hai unha representación sindical diferente, na que a CIG, promotora das denuncias, ostenta a maioría no comité de empresa. “Xusto sería que quen tivera que facer fronte ao pagamento da sanción fose o antigo equipo dirixente/xestor do hospital privado”.

Valentía das traballadoras

Por outra banda, dende a central sindical salientan a valentía amosada polas traballadoras que se atreveron a denunciar os feitos, “e que tiveron que sufrir o calvario do proceso, pagando unha inxusta peaxe coa súa saúde e co abandono do seu posto de traballo pola vía da rescisión contractual”.

Ao mesmo tempo, aplauden a labor que está a desenvolver a actual representación sindical da CIG no hospital El Carmen, “a pesar de ter asumido esa responsabilidade en momentos moi difíciles, con todo absolutamente en contra, mais contando co apoio das persoas traballadoras, que é o que valoramos especialmente como sindicato de clase”.

Finalmente, reiteran o compromiso da central na defensa a ultranza dos dereitos e da dignidade de todas as persoas traballadoras, e animan a clase traballadora “a non pasar por alto ataques, abusos, acosos e actuacións contra a nosa dignidade como persoas e como clase”.

Volver