O PP “denigra” ás 50.000 persoas que apoiaron a ILP de SOS Sanidade Pública en defensa da Atención Primaria
Rexeitou a Iniciativa descualificando o seu contido e sen valorar nin unha soa das propostas que contén
Nacional -
CIG-Saúde, que asistiu ao pleno do Parlamento Galego no que se debateu a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada por SOS Sanidade Pública, da que é integrante, manifestou, ao remate do debate, a súa indignación non xa polo voto en contra do PP, senón mesmo polos argumentos utilizados polo seu portavoz, Alberto Pazos Couñago.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2023/05/09/Debate%20ILP%20SOS%20Sanidade%20Publica/2023-05-09_IPL_SOS_SanidadePublica00012.1.jpg)
Para o secretario nacional da CIG-Saúde, Manuel Moreira, “o portavoz do Partido Popular utilizou o seu tempo para denigrar e confrontar coa plataforma SOS Sanidade Pública”. Afeoulle, ademais, que non dera argumentos para non votar a favor da ILP para recuperar e fortalecer a atención primaria.
Moreira considerou “intolerábel” que “non se queira falar de cales son os problemas reais, que non se debatan as alternativas e que o que se faga é desacreditar á cidadanía, ás 50.000 mulleres e homes, galegas e galegos, que apoiaron esta Iniciativa”, que, lembrou, foi a que con máis apoio chegou ao Parlamento galego.
Xunto a isto declarou que con esta actuación o portavoz do PP “denigrou tamén ás miles e miles de persoas que se manifestaron na praza do Obradoiro en defensa da nosa sanidade pública e da nosa atención primaria”.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2023/05/09/Debate%20ILP%20SOS%20Sanidade%20Publica/2023-05-09_IPL_SOS_SanidadePublica0004.jpg)
Moreira subliñou que as propostas contempladas na ILP “permitirían avanzar nunha solución ao problema da nosa atención primaria”. Fronte a isto considerou que o problema é que “o PP non quere esa solución”. Denunciou que “as políticas que están facendo” teñen como obxectivo “depreciar a sanidade pública, privatizar e utilizar os recursos económicos que todas e todos aportamos cos impostos a financiar os custos desa privatización”.
O secretario nacional da CIG-Saúde concluíu considerando que “o que queda claro, unha vez máis e que xa sabiamos, é que o PP non quere solucións para a sanidade pública na liña que nós defendemos, o que quere é menos sanidade pública para abrir as portas a máis privatización”.
Descualificación de SOS Sanidade Pública
A contundente valoración de Moreira respondía a un argumentario do Partido Popular que tiña por único obxectivo deslexitimar a plataforma e, de paso, todo cuestionamento ás políticas sanitarias que veñen aplicando desde hai anos e que deron na actual situación da sanidade pública que SOS ten cualificado de “crítica”.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2023/05/09/Debate%20ILP%20SOS%20Sanidade%20Publica/2023-05-09_IPL_SOS_SanidadePublica0002.jpg)
Así as cousas, o portavoz do PP, Alberto Pazos, cualificou a ILP de “falso relato da esquerda galega sobre a Atención Primaria” que responde, dixo, a un “partidismo evidente”. Un texto do que afirmou que está “baseado en presupostos erróneos” e do que chegou a dicir que contiña “algún apartado con tics claramente antidemocráticos”.
Pazos, que mesmo cualificou a SOS Sanidade Pública de “sucursal do bipartito”, non tivo reparo en afirmar que se “pinta un retrato da sanidade pública galega que non é real”, cuestionando así, non xa a intervención da portavoz da plataforma cidadá, senón mesmo ás miles e miles de persoas que en cidades, vilas e aldeas saen a protestar semana tras semana polas deficiencias que ten a sanidade pública, e nomeadamente a atención primaria.
Deste xeito, o portavoz do PP deixou claro que o seu grupo votaría en contra dunha ILP que si foi apoiada porén, polos grupos socialista e do BNG. Un debate ao que o único membro do goberno que asistiu foi o conselleiro de Sanidade, e polo que nin asomou a cabeza o Presidente da Xunta, nunha clara mostra da falta de respecto que o PP ten polo pobo galego.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2023/05/09/Debate%20ILP%20SOS%20Sanidade%20Publica/2023-05-09_IPL_SOS_SanidadePublica0012.jpg)
Falta de persoal na Atención Primaria
Fronte ao relato dos populares, a presidenta do colectivo de Pediatras e Matronas Xa!, Vanessa Viquendi, que foi a encargada de defender a ILP no pleno, fixo un percorrido polas moitas carencias da Atención Primaria, a comezar pola falta de pediatras en máis da metade dos concellos galegos, sobre todo do rural, e a falta de cobertura, onde si hai, porque nin se cobren as baixas nin as vacacións. Denunciou ademais que se superan os cupos e que “moitos municipios están sen pediatra pola tarde, o que obriga a nais e pais a levar as fillas e fillos ao PAC” onde, dixo, “no é habitual que haxa pediatra”.
Lembrou á bancada dos populares a falta de médicos/as de cabeceira, con consultas pechadas pola tarde, ratios superadísimos recoñecidos mesmo por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e que tampouco se cobren nin baixas nin vacacións, ademais de que se están a amortizar as prazas porque tampouco se cobren o 90% das xubilacións.
Neste sentido, apuntou que se convocan menos prazas MIR que as recomendadas polo Ministerio, en concreto 46 menos en 2022, e que as e os profesionais formados en Galiza non fican no país polas malas condicións laborais ofertadas”. Unha situación que cualificou de “fuga de cerebros en toda regra”.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2023/05/09/Debate%20ILP%20SOS%20Sanidade%20Publica/2023-05-09_IPL_SOS_SanidadePublica0023.jpg)
Listas de agarda interminábeis
Viquendi denunciou tamén as listas de agarda interminables, de 83,9 días para intervención cirúrxica, 25 para unha radiografía simple, 88 para unha resonancia e 118 para unha ecografía abdominal. Unha situación que agrava enfermidades e “causa mortes evitábeis”, como lembrou que se ten demostrado porque “o SERGAS xa foi condenado pola morte dunha muller cun cancro sen diagnosticar”.
Xunto a isto lembrou que hai centros de saúde funcionando sen apenas persoal; que hai PACs pechados ou atendidos só por persoal de enfermería e que mesmo o número de ambulancias é insuficiente. Respecto desta última cuestión denunciou que “o 061 oculta de forma constante información sobre os datos de asistencia e mesmo chega a falsear os de tempo de espera por unha ambulancia”.
![](https://cig.gal/imaxes/adaptadas/780/files/novas/2023/05/09/Debate%20ILP%20SOS%20Sanidade%20Publica/2023-05-09_IPL_SOS_SanidadePublica0001.jpg)
Resposta da Xunta de Galiza
A portavoz de SOS no debate da ILP rexeitou as políticas da Xunta, diante da situación que viña de retratar, por utilizar a médicos e médicas de familia con ou sen curso de puericultura para atender a menores de 14 anos. Por dicirlle á poboación que non pode pretender ter pediatras en todos os Centros de Saúde e por ter a profesionais encadeando contratos por días ou semanas. Outra das causas, esta última, pola que tamén o SERGAS foi condenado polo TSXG, considerando que se vulneraban así “os dereitos” das e dos facultativos de atención primaria.
Non esqueceu Vanessa Viqueira denunciar como o SERGAS “premia” ao persoal facultativo que compaxina a sanidade pública e privada, chegando a acordos “para o cobro do complemento de exclusividade”.
Por todo isto, a representante de SOS considerou que non aprobar esta ILP suporía “negarlle a toda a poboación que asinou a posibilidade de mellorar a situación da Atención Primaria”, dixo, “ser cómplices e responsábeis da destrución da Sanidade Pública” e “ser persoas carentes de humildade e valentía para recoñecer os seus erros”.