O persoal repartidor de Pizzerías Cambalache irá á folga para reclamar o cobro dos atrasos e melloras laborais
A Coruña -
O persoal repartidor das Pizzerías Cambalache acordou ir á folga os días 16, 17, 23 e 24 de xuño para reclamarlle á empresa o abono inmediato dos atrasos salariais, que se lle recoñeza o dereito á manutención e denunciar o abuso da contratación parcial. Para visibilizar a súa loita, o persoal concentrarase o venres 16 de xuño, ás 12h, diante do Cambalache de Paseo de Ronda, e o sábado 17, ás 12h, diante do estabelecemento que a empresa ten na rúa Ramón Cabanillas de Culleredo.
Cómpre explicar que os e as repartidoras estaban nun convenio que non lle correspondía, o denominado Prodelivery, pero grazas á loita sindical conseguiron pasar ao convenio provincial de hostalería. Non obstante, a empresa negouse a pagar os atrasos salariais que supuxo o cambio de convenio, polo que a CIG tivo que presentar denuncia na Inspección de Traballo.
En decembro do ano pasado, o organismo resolveu sancionar a Cambalache por non acatar a aplicación do convenio de hostalería ao persoal de reparto, impóndolle unha sanción grave e requiríndolle que abonara as diferenzas das cantidades adebedadas. "Isto é, a suma do que terían que ter estado cobrando nos anteriores 12 meses, se estiveran encadrados no convenio provincial e non no nefasto convenio asinado en Madrid por CCOO e UGT", apunta Iago Barros, presidente do comité.
A empresa incumpre e cuestiona o requirimento da Inspección
Nun alarde de prepotencia, a empresa non cumpriu co requirimento, cuestionando mesmo a resolución da inspectora ao dicir que era interpretábel e asegurando que non pretendía abonar as diferenzas requiridas. En resposta, o persoal dos catro restaurantes con servizo de reparto acordou de maneira unánime convocar folga en marzo. A CIG instou novamente a empresa a buscar unha forma de pagamento negociada que evitara sancións posteriores por incumprimento da ITSS e as vías administrativa e xudicial como recurso, mais non houbo resposta.
Entrementres, o 14 de abril, os administradores da empresa cesaron o que fora xerente da cadea de restaurantes durante a última década. Diante deste cambio na dirección, e tras consultar cos traballadores/as, a CIG decidiu adiar a convocatoria de folga e renegociar o pago dos atrasos.
Pero a nova dirección continúa coa mesma política da anterior, primeiro bloqueando o pago das diferenzas salariais e asegurando que en todo caso corresponderíalles abonar só 8 días e non 12 meses; e despois pretendendo levar á comisión paritaria do convenio a resolución da ITSS.
Catro xornadas de folga
Así as cousas, os traballadores e as traballadoras acordaron convocar catro xornadas de folga para exixir que a empresa respecte os dereitos económicos recollidos no convenio e abone de inmediato as contías pendentes. Ademais, queren denunciar a exclusión do persoal repartidor da manutención, sendo o único colectivo do persoal de restaurantes sen dereito a comida; e a precariedade laboral que padecen.
Cómpre subliñar que dos case 40 repartidores e repartidoras que ten Pizzerías Cambalache, só 1 ten contrato a xornada completa. O resto ten xornada parcial "con horas complementarias semana a semana sen consolidar, que impiden organizar a vida e que anula as expectativas de consolidar por contrato unha xornada de traballo maior".