O persoal de Alsa Ferrol leva as súas reivindicacións ao pleno municipal no arranque da terceira semana de folga

Ferrol -

Un grupo de traballadores e traballadoras de Maitours acudiron este luns á sesión do pleno municipal de Ferrol onde se votou unha moción de apoio á súas demandas (que o PP non aprobou na súa totalidade), no día no que se cumpren 15 xornadas en folga indefinida. Un dos delegados de persoal, Luis Taboada, interveu durante o pleno para explicar as razóns que levaron á convocatoria e demandar a implicación tanto da corporación municipal como da Xunta de Galiza na resolución do conflito.

Taboada lembrou que o servizo do transporte de viaxeiros/as por estrada de Ferrol e comarca préstao unha UTE formada por Maitours e Intercar. Aínda que ambas empresas pertencen ao grupo Alsa e o persoal realiza o mesmo traballo, Maitours aplica o convenio da extinta Tranvías de Ferrol mentres que Intercar aplica o convenio provincial do sector, con mellores condicións económicas e laborais.

Esta diverxencia implica que, ademais de non ter as subas salariais recollidas no convenio provincial, o persoal de Maitours tampouco ten recoñecidos conceptos como dietas ou antigüidade. "E así nos atopamos que un traballador de Maitours con 18 anos de antigüidade está a cobrar 1.400 euros brutos, o que supón unha diferenza de entre 400 e 600 euros co resto do persoal ao que se lle aplica o convenio provincial", denunciou Taboada.

 A pesar de que unha sentenza recoñece que o convenio polo que se debe regular Maitours é o do transporte de viaxeiros/as da Coruña, deixa a materialización deste cambio á publicación do convenio no BOP. A este respecto, o delegado do persoal salientou que o convenio na súa totalidade aínda non está publicado "precisamente polo bloqueo desta empresa", pero as táboas salariais xa están en vigor dende o ano 2023, polo que reclaman que, cando menos, Alsa comece a aplicar xa a parte económica.

A maiores do convenio, Taboada subliñou que esta folga tamén se convoca en resposta ás "ilegalidades que a empresa está a realizar", como regular polo convenio de Tranvías o persoal de nova incorporación, e os incumprimentos no tocante á compensación de festivos, organización do traballo, días de descanso, etc.

Xunto a isto, denunciou as represalias que o grupo Alsa está a exercer contra os traballadores e traballadoras dende o comezo da folga, nomeadamente co persoal eventual.

Responsabilidade do Concello e a Xunta

Por outra banda, o representante das e dos traballadores alertou da situación do transporte urbano da cidade que cualificou de "caótico, deficitario e insuficiente" e que "non fai máis que afondar na precariedade do servizo que prestamos e que conleva un deterioro cada vez maior das liñas das que fai uso a cidadanía". Por iso, demandou do Goberno local "que deixe de mirar para outro lado" e, como parte implicada na concesión do servizo, defenda os interese da cidadanía.

Tamén reivindicou da Corporación que inste a Xunta de Galiza a buscar "unha solución urxente a esta problemática" e a que exerza o seu labor inspector, porque "parte deste conflito débese ás condicións nas que Alsa accedeu á concesión, cunha baixada temeraria nos custes".

Neste liña, o persoal critica que, en pleno conflito, Diego Calvo, conselleiro de Presidencia que ten baixo a súa responsabilidade a Dirección Xeral de Mobilidade, "non sexa quen de poñerse en contacto co persoal para escoitar as nosas reivindicacións e teña a desvergoña de vir inaugurar un aparcadoiro e dúas marquesiñas nesas novas paradas de autobús".

Volver