O persoal das residencias de maiores privadas intensifica as protestas e as accións para visibilizar a folga
Hoxe mobilizáronse en Vigo e mañá farano de novo na cidade olívica, Ferrol e Barbadás
Nacional -
As traballadoras/es das residencias da terceira idade e centros de día privados están a intensificar as mobilizacións e a campaña de axitación para visibilizar a folga indefinida ante os abusivos servizos mínimos decretados pola Xunta. Hoxe desenvolveron unha concentración diante da residencia DomusVi de Barreiro, en Vigo, e mañá continuarán en Vigo, Ferrol e Barbadás.
Dende o inicio do paro o pasado xoves 17 o persoal das residencias está a protagonizar protestas para trasladar á rúa un conflito que vai máis alá de seren estritamente laboral ao tratarse dun sector que cumpre unha importante laboral social como é o coidado das persoas maiores.
Durante a fin de semana levaron a cabo tamén varias accións reivindicativas e colocaron faixas en distintas localidades reclamando un convenio colectivo digno.
Hoxe mesmo desenvolveron unha concentración ás portas da residencia DomusVi de Barreiro, en Vigo, e este martes farano diante da residencia Ballesol, situada na Gran Vía viguesa, ás 11:00 horas. Na xornada de mañá tamén haberá mobilizacións en DomusVi de Ferrol (Avenida de Esteiro, 49-51) de 14:30 a 15:30 horas e en DomusVi de Barbadás ás 11:30 horas.
Para o mércores 23 hai convocadas concentracións en DomusVi de Outeiro de Rei, en Lugo, de 14:00 a 15:30 horas; e en Vigo, diante de Sanitas (rúa Conde, 6) ás 11:00 horas. O xoves 24 haberá protestas na Fundación José Otero (Rúa Escultor Camilo Otero 2, Santiago) de 11:00 a 13:00 horas e en COGAMI (rúa Estrada, interior, Vigo), ás 10:00 horas.
Finalmente, o xoves 25 hai prevista unha protesta en DomusVi de Pontevedra (rúa Doutor Loureiro Crespo 27) as 11:30 horas, coincidindo coa inauguración dunha nova residencia.