O persoal da recollida do lixo de Lugo mobilizarase para demandar un convenio digno

Lugo -

Os traballadores e as traballadoras da recollida do lixo de Lugo acordaron en asemblea iniciar mobilizacións en resposta á miserenta proposta económica trasladada pola empresa concesionaria, UTE EcoLugo, na mesa de negociación do convenio colectivo. Deste xeito, o persoal realizará unha primeira concentración o vindeiro luns, 15 de maio, ás 13:45h, diante do Concello de Lugo para reclamar un convenio digno e con dereitos.

O convenio colectivo rematou a 31-12-2021 e, despois da entrada en agosto pasado da nova contrata, a principios deste 2023 constituíse a mesa negociadora. Pero despois de seis reunións o acordo semella cada vez máis lonxe, a causa da miserenta proposta económica feita pola empresa.

Para o ano 2022, UTE EcoLugo propón un 0% de suba salarial (cando o IPC dese ano rematou no 5,7% e o do ano anterior no 6,5%), para 2023 un incremento do 3,25%, do cal só sería consolidábel en táboas o 0,25%, e para os dous anos seguintes (2024 e 2025) propón incrementos do 0,25%.

É dicir, nun momento no que o prezo dos bens e servizos básicos está disparado e os traballadores e traballadoras son cada día máis pobres, a empresa quere liquidar o convenio cun incremento total en catro anos do 0,75%.

Pero non parecéndolle abondo, a empresa tamén quere aplicar un recorte na porcentaxe que se cobra actualmente polo complemento de antigüidade.

Proposta ridícula

Con esta proposta, que o comité (con representación de USO e CIG) cualifica de "ridícula" e "irrisoria", estaríase consolidando unha perda do poder adquisitivo, como mínimo, do 5,7% correspondente ao IPC de 2022. Pero non se pode esquecer que o IPC de abril foi xa do 4,1%, polo que esa perda será moi superior.

Cómpre lembrar que os traballadores e as traballadoras do servizo de recollida do lixo tiveron conxeladas as súas retribucións durante os 4 anos de vixencia do convenio anterior, xa que non recibiron incrementos salariais nin cobraron atrasos dende o ano 2018 até xullo de 2022. 

Por iso, en resposta ás pretensións da empresa, a asemblea de persoal celebrada o martes acordou por maioria manter a reivindicación de incrementos iguais ao IPC real máis dous puntos e iniciar mobilizacións para exixir salarios dignos, garantías de mantemento da capacidade adquisitiva e avances reais nos dereitos laborais e sociais.

A este respecto, o comité tamén fai un chamamento ao Concello de Lugo, como titular do contrato, para que interveña na defensa dos dereitos dos traballadores/as do servizo e evitar que o conflito se intensifique nas próximas semanas.

Volver