O comité de Zara Loxística convoca manifestación contra a modificación dos calendarios e para exixir carga de traballo estábel

O próximo domingo 12 de maio, ás 12 horas, dende a Praza de Lugo

A Coruña -

O comité de Zara Loxística ten convocada unha manifestación para este domingo, 12 de maio, en resposta á decisión unilateral da empresa de modificar os calendarios laborais e para reclamarlle a Inditex un compromisos de dotar de carga de traballo o almacén de Sabón e efectuar os investimentos necesarios. A marcha sairá ás 12 horas da Praza de Lugo e irá até o paseo da dársena. Ademais, o comité xa ten convocados tamén paros de catro horas na saída de cada quenda para as xornadas do luns 13 e o martes 14 de maio.

A decisión de intensificar as mobilizacións adoptouse despois da reunión mantida coa dirección de Inditex, na que a empresa recoñeceu que a modificación dos calendarios era unha imposición unilateral que non ían retirar e que, ademais, se podería repetir noutras ocasións.

Diante desta prepotencia, a representación social avanza que non vai permitir esta falta de respecto cara aos traballadores e ás traballadoras nin tampouco que se incumpran de maneira evidente os acordos laborais.

Neste senso, Roberto Pérez, secretario comarcal da CIG-Servizos e delegado no comité de Zara Loxística, lembra que esta é a primeira vez en 20 anos que a empresa incumpre o pactado, decidindo facer un peche patronal o día 1 de maio (que sempre foi laborábel neste centro de traballo) que suporá modificar os descansos semanais, o sistema de libranzas e as vacacións do persoal afectado.

Pérez engade que este ataque aos dereitos haino que enmarcar no abandono paulatino do almacén de Arteixo en beneficio doutras plataformas loxísticas do grupo e incluso na derivación de carga de traballo a subcontratas nas que as condicións laborais son moi inferiores.

Por todo iso, o comité insta o conxunto do persoal a participar da manifestación deste domingo e a secundar os paros laborais "porque defender os calendarios e os acordos significa defender a continuidade dos postos de traballo".

Volver