O Colectivo de xubiladas e pensionistas da CIG concéntrase nos hospitais para reclamar unha atención digna e áxil

Nacional -

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG continuou este mércores co calendario de mobilizacións para denunciar a situación de desmantelamento e privatización na que o Goberno da Xunta ten a sanidade pública, "que provoca que para unha persoa maior sexa cada vez máis difícil ter unha atención digna e áxil dos seus problemas de saúde".

A protesta enmárcase na campaña que o colectivo está a desenvolver dende o pasado mes de abril e que concluirá o vindeiro día 20 cunha mobilización de carácter nacional diante do SERGAS en Santiago de Compostela para exixir unha sanidade pública de calidade.

Nas concentracións de hoxe, realizadas diante dos hospitais de referencia, reclamouse  a reversión das privatizacións e o reforzamento dos orzamentos destinados á sanidade pública, mellorando a carteira de servizos, sobre todo na Atención Primaria, e incrementando o persoal necesario para que a atención "sexa acorde co mantemento dunha vida digna e activa e coa prevención da dependencia nas persoas maiores".

"Cada vez póñennos máis obstáculos"

O colectivo da CIG alerta que cando unha persoa ten un problema de saúde está nunha situación de vulnerabilidade, "pero cando se trata dunha persoa maior,  esa vulnerabilidade multiplícase e supón un enorme trastorno e unha situación que pon a súa vida patas arriba". Isto é o que está a suceder coa atención ás persoas maiores na sanidade pública galega, xa que "cada vez son máis os obstáculos que se nos poñen".

Un primeiro impedimento é o acceso ao propio sistema de saúde polas dificultades que supón para moitas persoas maiores acadar unha cita mediante unha chamada que é atendida por recoñecemento de voz, a través da aplicación móbil ou da web do SERGAS. A este grave problema engádense outros factores como as listas de agarda de até 15 días para obter unha primeira consulta co médico ou a médica de cabeira. Unha espera en Atención Primaria que cualifican como "algo inaudito e inadmisíbel".

Dende hai un tempo, ademais, cando se tramita unha solicitude para unha consulta cunha especialidade médica, o SERGAS non dá unha data "senón que indican que xa chamarán", sen que haxa ningún tipo de resgardo ou xustificante que recolla que esa persoa está agardando para esa cita, podendo pasar meses até que se recibe esa chamada. "E cando a recibes non hai unha comunicación oficial por escrito onde poder consultar, dándose en moitas ocasións equívocos que levan a que se perda unha cita por este motivo", advirten.

Denuncian que o SERGAS oculta datos das persoas que están á espera de consulta ou de exploracións complementarias deixándoas sen cita e informándoas de que quedan nunhacaixa” á espera de seren citadas. A isto hai que engadir unhas listas de agarda "intolerábeis" e "moito máis altas que as que publica o SERGAS" para realizar probas diagnósticas como a radioloxía ou as colonoscopias, ou as das intervencións cirúrxicas.

Explican que hai tres listas diferenciadas pero a administración "só publica datos de pacientes que se atopan na primeira lista e omite os datos daquelas persoas que rexeitaron a intervención na sanidade privada. É dicir, o Goberno da Xunta penaliza a quen acredita na sanidade pública mentres deriva inxentes cantidades de cartos á sanidade privada".

Peor calidade de vida

A este respecto, subliñan que a diferenza entre acceder á atención sanitaria dun xeito áxil e o que está acontecendo actualmente no SERGAS é crucial en persoas que, pola súa idade, ven imposibilitada unha vida normal por perda de mobilidade, perdas na capacidade de certos sentidos, pola dor ou por situacións de perdas cognitivas ou funcionais. "Cando unha persoa maior ten que agardar meses, anos, por unha proba ou por unha operación non só empeora a súa situación de base senón que, ademais, deixa de ter unha existencia activa e normal, algo que en moitos casos acurta a esperanza de vida".

Por iso, o Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG puxo en marcha esta campaña de denuncia e reivindicación dunha sanidade pública de calidade "porque somos maiores e temos dereitos".

Volver