Nova protesta do persoal de Ambulancias Pontevedra contra os incumprimentos da empresa

De non producírense avances, xa están convocadas tres xornadas de folga para o mes de setembro

Pontevedra -

O persoal de Ambulancias Pontevedra volveuse concentrar este venres diante do Hospital Provincial para exixir da empresa (que presta o servizo de transporte programado nesta área sanitaria) que cumpra coas súas obrigas laborais e cos pregos de condicións. Coa protesta, tamén demandaron a implicación da xerencia, como responsábel do contrato, para que vele polo cumprimento dos dereitos.

A FAGMT-CIG de Pontevedra critica que na última reunión, a empresa rexeitou chegar a acordos sobre ningún dos dez puntos que se lle expuxeron. Entre outras cuestións, o persoal demanda actuacións para corrixir as deficiencias da base de Marcón e os problemas no mantemento dalgunhas ambulancias.

Así mesmo que se respecten as licencias retribuídas recollidas no Estatuto das persoas traballadoras (especialmente as relativas á hospitalización de familiares); e os cadrantes negociados coa representación social que, de xeito unilateral, a empresa comezou a saltar.

Problemas dende o principio

Os problemas, explica a secretaria comarcal da FGAMT-CIG, Cecilia Tarela, véñense arrastrando dende que Ambulancias Pontevedra accedeu ao servizo de transporte programado en setembro do ano pasado, xa que non quería respectar os acordos extraconvenio pactados coas anteriores concesionarias.

Da empresa teimar na súa actitude, os traballadores e traballadoras do servizo xa acordaron intensificar as medidas de presión cara ao mes de setembro coa convocatoria de tres xornadas de folga. A primeira delas está prevista para o 15 de setembro.

Volver