Nova condena a Urbaser Lugo por vulneración dos dereitos fundamentais
A empresa ten que recoñecer o delegado da sección sindical e indemnizar o traballador e a CIG
Lugo -
Urbaser, empresa que se encarga da recollida do lixo e a limpeza viaria do Concello de Lugo, vén de ser condenada, novamente, por vulneración dos dereitos fundamentais, nesta ocasión do delegado da sección sindical da CIG. A sentenza xudicial recoñece a condición de delegado a Iván Fernández e condena a compañía a reintegrarlle as cantidades descontadas indebidamente polo crédito horario, así como a abonarlle unha indemnización de 3.000 euros. Ademais, Urbaser deberá indemnizar a CIG na mesma contía por vulneración da liberdade sindical.
Dende a sección sindical valórase positivamente esta sentenza "porque impide que a dirección de Urbaser continúe coa súa habitual política de represión contra quen pretendemos traballar sindicalmente a prol da defensa dos dereitos laborais nesta empresa".
A demanda de tutela de dereitos fundamentais foi presentada o pasado 3 de marzo, logo de Urbaser informar que non recoñecía a Fernández como representante da sección sindical da CIG e descontarlle como ausencias inxustificadas as horas de crédito horario que collera, previa solicitude, nesa condición.
O máis rechamante é que Urbaser facía esta comunicación pasados sete meses meses do nomeamento do delegado e recoñecéndolle durante todo este tempo os dereitos recollidos na lexislación vixente. Na súa argumentación, a dirección alegou que a central nacionalista non acreditara a afiliación suficiente para formar a sección sindical e que o goce do crédito horario se debeu a un "erro do departamento de recursos humanos".
Porén, tal e como se afirma na sentenza, a CIG si cumpre os requisitos estabelecidos no artigo 41 do convenio colectivo para ter dereito a un delegado/a sindical coas mesmas garantías que os/as membros do comité de empresa; a saber, acadar máis do 25% dos votos nas eleccións sindicais e ter un 25% de afiliación na empresa. Cuestión esta última acreditada pola CIG debidamente.
Presenza do delegado nas reunións coa empresa
Pero ademais, na resolución lémbrase que, en xaneiro deste ano, Urbaser e a representación social reuníronse para abordar a actualización das táboas salariais definitivas do convenio colectivo para os anos 2014, 2015, 2016 e 2017. A esa xuntanza asistiu Fernández na súa condición de representante da sección sindical da CIG "polo que a empresa non pode dicir en febreiro que non o recoñece como delegado da sección sindical cando chegou a recoñecer esa condición nun acto de tal relevancia como é a negociación convencional".
Por todo isto, o xulgado do Social condena a Urbaser a recoñecer a súa condición de delegado da sección sindical e a abonarlle as cantidades descontadas indebidamente pola utilización do crédito horario dende xullo de 2016. Ademais, condena a empresa a indemnizar con 3.000 a Fernández e a CIG por vulneración da liberdade sindical, ao considerar o comportamento de Urbaser como unha infracción grave, "tendo en conta o descrédito obvio que se produce entre os traballadores por parte do sindicato e do seu delegado polo ninguneo da empresa na defensa da súa intervención como sección sindical".
A CIG lamenta que unha vez máis sexan os tribunais "quen teñan que garantir a liberdade sindical na empresa e sobre todo cando Urbaser presta un servizo público no Concello de Lugo". A este respecto, lembran que con esta son xa tres as sentenzas condenatorias por vulneración de dereitos fundamentais que acumula a empresa no centro de traballo de Lugo. Dúas destas resolucións ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza: a da folga de 2014 e a do despido nulo do presidente do anterior comité de empresa.