“Non aos despidos no Hotel Balneario!”

Delegados/as da CIG-Salnés percorreron o Grove en manifestación en apoio da loita das persoas traballadoras do Illa da Toxa en defensa do emprego

O Grove -

Unha nutrida representación dos delegados/as da CIG na comarca do Salnés percorreron hoxe as principais rúas do Grove en manifestación en solidariedade coa loita do persoal do Hotel Balneario Eurostars Illa da Toxa en defensa dos seus empregos e para reclamar a retirada do ERE extintivo.

A marcha a pé, na que tamén participaron numerosas/as veciños/as da localidade, arrincou pasadas as 11:00 horas da praza do Concello e rematou por volta das 12:00 horas diante do establecemento hoteleiro situado na Illa da Toxa. Durante o traxecto coreáronse consignas como "Non aos despidos no Hotel Balneario", “Non ao ERE no Hotel Balneario”, “Non aos despidos no grupo HOTUSA”.

Ao remate da mobilización, o responsábel da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas, tomou a palabra para agradecer a solidariedade amosada unha vez máis polos representantes da central sindical nas distintas empresas da comarca e insistiu que a CIG reclamará xudicialmente a nulidade dun ERE “que é inxusto e non está xustificado”.

E tamén demandará que o informe da Inspección de Traballo con respecto ao ERE sexa negativo. Ademais, a central denunciará diante da autoridade laboral que durante as xornadas de folga convocadas recentemente contra os despidos a compañía cubriu os postos dalgúns folguistas con persoal externo.

Bouzas lembrou que unicamente 10 das 36 persoas traballadoras do hotel aceptaron a proposta da empresa de precarizar as súas condicións laborais para non seren despedidas. “Agora tocoulle tamén ás camareiras de piso, que onte mesmo recibiron un ultimato: ou aceptan converter os contratos en fixos descontinuos ou van á rúa”.

E censurou que estas decisións responden a unha estratexia coa que por unha parte se pretende externalizar servizos e pola outra desfacerse do persoal “máis incómodo” e con maior antigüidade na empresa. De feito, no ERE están incluídos 4 dos 5 membros do comité. E tamén todas as persoas que se atopaban de baixa médica.

E todo isto a pesar de que se veñen de coñecer as previsións económicas feitas públicas polo propio grupo HOTUSA -propietario do establecemento grovense- para o ano 2014. A cadea hoteleira estima que pechará o exercicio tanto con récord de facturación (1560 millóns de euros) como de beneficios netos (115 millóns).

Finalmente, o responsábel sindical anunciou a convocatoria de 10 novas xornadas de folga até final de ano. As primeiras terán lugar os vindeiro martes 17, xoves 19 e sábado 21 de decembro.

Volver