A CIG inicia unha campaña contra a precariedade nos grandes almacéns e a obriga de traballar en domingos e festivos
Incluirá mobilizacións na Coruña, Vigo, Pontevedra, Santiago, Ferrol e Lugo os venres 6 e 27 de marzo e unha xornada de folga o xoves 2 de abril
Nacional -
A CIG-Servizos ten en marcha unha campaña para reclamar condicións dignas e salarios xustos para as traballadoras e traballadores dos grandes almacéns e reverter a obrigatoriedade de traballar en domingos e festivos estabelecida no convenio colectivo de ámbito estatal. Esta campaña incluirá concentracións os venres 6 e 27 de marzo e unha xornada de folga o xoves 2 de abril (xoves santo), que festivo de apertura no comercio.
As mobilizacións deste venres, 6 de marzo, realizaranse ás 18:30h nos seguintes lugares:
- Vigo: Corte Inglés de Gran Vía.
- A Coruña: Carrefour da Avenida Alfonso Molina.
- Ferrol: Alcampo do Polígono da Gándara.
- Lugo: Centro Comercial Carrefour (estrada da Coruña, Km 501).
- Santiago: Alcampo do CC Área Central (rúa de París s/n).
- Vilagarcía: Alcampo da Avenida das Carolinas.
No convenio estatal de Grandes Almacéns están empresas como El Corte Inglés, Carrefour, Alcampo, MediaMarkt, IKEA, Leroy Merlin, FNAC ou C&A e a campaña reivindicativa prolongarase máis aló da folga do 2 de abril, xa que o convenio remata a súa vixencia a 31 de decembro e o próximo ano tocará negociar a súa actualización. Ademais, a CIG-Servizos estuda tamén ampliar a convocatoria de folga a todos os sectores e convenios que teñen recollida a obrigatoriedade de traballar nos domingos.
Sobrecarga laboral, dificultades de conciliación e salarios no SMI

O secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, criticou que as empresas do sector, grandes multinacionais do comercio, están precarizando “cada vez máis as condicións de traballo con cargas de traballo excesivas, redución dos cadros de persoal e a falta total de cobertura das baixas, vacacións, licenzas etc,, que se traduce en presión e ritmos de traballo máis elevados”.
Estas decisións, advertiu, repercuten directamente na calidade do servizo, pero sobre todo na saúde das persoas traballadoras, provocando que os procesos de Incapacidade Temporal por doenzas músculo-esqueléticas, estrés ou ansiedade “teñan aumentado considerabelmente”.
O secretario nacional da CIG-Servizos subliñou que este é un sector altamente feminizado e cun índice elevadísimo de contratos a tempo parcial, sendo un dos que peores condicións ten para poder conciliar vida familiar e laboral, xa que moitas empresas obrigan a traballar os festivos e domingos que a Xunta de Galiza permite abrir no comercio. “Por suposto, critica, sen ningún tipo de compensación a cambio e mesmo incumprindo o descanso semanal regulado por lei”.
A isto súmase que no sector de grandes almacéns os salarios “son de subsistencia” e apenas superan o SMI. “Retribucións de miseria que non recoñecen nin a responsabilidade nin a cantidade e calidade do traballo feito, mentres as empresas logran ano tras ano beneficios multimillonarios”.
Principais reivindicacións

Para comezar a reverter esta realidade laboral, con esta campaña a CIG reclama unha serie de medidas urxentes que deben incluír:
- Incremento dos cadros de persoal convertendo xornadas parciais en completas e garantindo a contratación do persoal necesario para evitar a sobrecarga laboral.
- Limitación efectiva do traballo en domingos e festivos estabelecendo cláusulas nos convenios que garantan a voluntariedade de traballar nesas datas, con compensacións reais e respectando descansos semanais e a conciliación.
- Acordos nos centros de traballo con compromisos firmes por parte das empresas de mellorar as condicións laborais.
- Salarios xustos que recoñezan o valor do traballo con incrementos que acaden para poder vivir dignamente.
Un convenio estatal precario
Alján indicou que o deterioro laboral e salarial “é froito das mesas de negociación que se desenvolven en Madrid”, e acusou os grandes sindicatos estatais de seren “actores principais e cómplices necesarios, xa que, como asinantes ano tras ano deste convenio, certifican e perpetúan que a clase obreira galega padeza condicións laborais e salariais precarias”.
Neste senso, criticou “o extraordinario exercicio de cinismo” que practican estes sindicatos, “que saen agora con anuncios de mobilizacións e folgas en contra do que eles mesmos negocian e asinan coa patronal”.
Finalmente, Alján aseverou que “o sector non pode manterse instalado na constante precariedade. A CIG continuará traballando, mobilizando e negociando para defender os dereitos das milleiras de traballadoras e traballadores de comercio, especialmente no sector de grandes almacéns. Porque sen persoal non hai comercio e sen condicións dignas non hai futuro”.

