Lois Neto López elixido novo secretario da CIG de Lugo-A Mariña

Na IX Asemblea tamén se renovaron os cargos da Executiva comarcal e escolléronse as persoas que formarán parte do Consello Confederal

Lugo -

A IX Asemblea Comarcal da CIG de Lugo-A Mariña elixiu este venres a Lois Neto López como novo secretario comarcal, en substitución de Antonio Niño Saavedra que ocupaba esta responsabilidade dende o ano 2013. A candidatura de Neto, a única que concorría, obtivo 150 votos a favor, 1 branco e ningún nulo. No proceso,  que se desenvolveu baixo o lema "A forza da nosa clase. Traballo, dereitos, soberanía", tamén se escolleu a nova Executiva Comarcal e as persoas que representarán á comarca no Consello Confederal. A asemblea contou coa presenza do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que interveu durante o acto de clausura.

Composición da nova Executiva Comarcal

A nova Executiva Comarcal, á que só concorreu unha candidatura encabeza por Lois Neto, recibiu 150 votos a favor, 1 branco e 0 nulos, quedando composta polas seguintes persoas:

  1. Lois Neto López
  2. Asunción Castiñeira Fernández
  3. Xorxe Caldeiro Díaz
  4. Dulce Neira Fraga
  5. Antonio Niño Saavedra
  6. Luzdivina Rebollal Juanes
  7. Miguel Ángel Pérez Núñez
  8. Beatriz López Valdés
  9. Roberto Carballo López
Persoas elixidas para o Consello Confederal

A candidatura para o Consello Confederal (máximo órgano de dirección da central sindical entre congressos) recibiu 150 votos a favor, 1 brancos e 0 nulos, quedando elixidas as seguintes persoas:

  1. Lois Neto López
  2. Asunción Castiñeira Fernández
  3. Antonio Niño Saavedra
  4. Dulce Neira Fraga
  5. Carme Antas Pérez
  6. Xerardo Alvaredo Maceda

Na súa primeira intervención xa investido como secretario comarcal, Lois Neto valorou que a Unión Comarcal sae fortalecida deste proceso “con máis ideas e compromisos para o futuro que nos agarda, porque o actual contexto político, económico e social no que vivimos non permite nin pausas, nin desmobilización, nin conformismo”.

“Precisa, engadiu, de acción e determinación na conquista dos nosos obxectivos”, sendo a negociación colectiva unha ferramenta chave da clase traballadora para mellorar as súas condicións de vida. Mais na provincia de Lugo, advertiu, hai milleiros de persoas traballadoras con convenios caducados ou sen convenio propio, “abandonas pola patronal coa pasividade dos sindicatos españois”. Neto instou a redobrar esforzos para activar a negociación colectiva e mobilizar os sectores “porque cada convenio que conseguimos mellorar é unha vitoria que sementa conciencia”.

Neste camiño, chamou a expandir a presenza da CIG na provincia, reforzar a organización e a capacidade de intervención, “reformulando a nosa acción sindical para facela máis efectiva, medrar e gañar hexemonía sindical”. O novo secretario comarcal apuntou que o obxectivo debe ser “disputar a primeira posición sindical na provincia de Lugo”, como a CIG xa é primeira forza na Galiza.

Política industrial e máis servizos públicos

Fronte ao desmantelamento dos servizos públicos, a falta de infraestruturas e o abandono sistemático dos Gobernos español e galego, Neto clamou “por unha política industrial ao servizo dos interese do pobo e non de multinacionais”, que free a desertización social e económica que padece unha provincia eminentemente rural como Lugo.

Exixiu que se garanta a continuidade da produción e dos postos de traballo en Alcoa San Cibrao e rexeitou o proxecto da macrocelulosa de Altri na Ulloa. Pola contra, subliñou Neto, na CIG “apostamos por unha industria galega sustentábel, con valor engadido, baseada nos nosos recursos naturais, pero con control social, emprego digno e respecto ao medio e á natureza”.

Outra das problemáticas que puxo enriba da mesa foi o avellentamento da poboación e o despoboamento do rural. Unha realidade que hai que combater con investimentos e non con recortes: “un centro de saúde, unha escola, unha residencia, un SAF, son vida, son emprego e son futuro para a provincia”, aseverou.

Neste contexto, o secretario comarcal denunciou a precariedade dun sector fundamental e feminizado como o dos coidados “que podería ser un motor económico que xera riqueza e fixa poboación se se desenvolve dende o público con condicións laborais dignas” e con orzamentos suficientes para garantir unha atención de calidade ás persoas.

Ao longo da súa intervención, Lois Neto fixo tamén fincapé no papel da CIG como “sindicato social comprometido co conxunto das loitas que afectan á vida da clase traballadora”, asegurando que “seguiremos a defender” os dereitos sociais, os servizos públicos, os dereitos das mulleres, a loita contra o patriarcado, o apoio aos coidados, o dereito a unha vivenda digna ou o dereito a vivirmos plenamente en galego.

Mais tamén instou a non calar ante o que está a acontecer co pobo palestino, vítima dun xenocidio por parte do estado sionista de Israel, e a rexeitar os discursos belicistas e os chamamos a incrementar o gasto en armamento.

O secretario xeral, Paulo Carril destacou a importancia do noso modelo sindical para transformar a realidade e chamou a intensificar a loita e a mobilización e mellorar a acción sindical para conquistar dereitos e conseguir políticas alternativas ante os gobernos e a patronal. Nesta liña, reiterou a necesidade de reforzar a negociación colectiva e a loita por un traballo digno porque “o noso é un sindicalismo de confrontación, de contrapoder, non de diálogo social e conciliación. Na CIG somos folga e mobilización”, incidiu Carril.

Sen organizar e promover o conflito, aseverou, non hai posibilidade ningunha de avanzar en dereitos e de transformar a realidade. “O tempo que tardamos en ir á mobilización e á folga é o tempo que perdemos en gañar dereitos”.

Pero a loita sindical é unha loita de carácter sociopolítico, “porque un dos nosos obxectivos é estender a solidariedade e apoio social coas nosas reivindicacións”. Como primeira forza sindical en Galiza instou a achegar a máis persoas traballadoras á nosa organización e ter máis atrevemento e decisión na acción sindical, con propostas concretas na negociación colectiva e alternativas para enfrontar as políticas dos diferentes gobernos.

Antes da renovación dos cargos, a IX Asemblea Comarcal debateu e votou o Informe de Xestión da Executiva saínte que foi aprobado por unanimidade, 144 votos a favor, ningún voto en contra e ningunha abstención.

No documento, defendido polo até agora secretario comarcal, Antonio Niño, destácase o papel protagonista da Unión Comarcal na conflitividade laboral e na mobilización social,  “así como a capacidade de formular alternativas e propostas para a mellora das condicións laborais e sociais da clase traballadora”.

Nestes catro anos, a CIG converteuse nun referente en conflitos importantes derivados da negociación colectiva, mais tamén na mobilización social “onde estivemos moi activos nas respostas ao proxecto para a implantación de Altri na Ulloa, á situación dramática que vive a nosa lingua, en defensa dos servizos públicos, ou contra as políticas de aumento do gasto militar, así como na solidariedade co pobo palestino, denunciando e condenado o xenocidio que está a perpetrar Israel co apoio da UE e dos EUA”.

Esta acción protagonista é causa e consecuencia tamén do incremento na representatividade acadado neste período, onde a CIG pasou de ser terceira forza na provincia a empatar con CCOO e a quedar a tan só dous puntos de UGT.

Nunha realidade marcada pola perda de poboación e o avellentamento, a precarización do mercado laboral con máis contratación fixo-descontinua e parcialidade, un incremento da fenda de xénero na maioría dos indicadores, e perda de tecido produtivo “a CIG temos amosado, unha vez máis, o noso papel determinante na defensa dos dereitos da clase traballadora da provincia de Lugo”.

En plena crise inflacionista, o salario medio anual na provincia no ano 2023, segundo os datos da Axencia Tributaria, foi de de 21.939 euros brutos. Lugo é a segunda provincia galega, despois de Ourense, con ingresos da poboación asalariadas máis baixos e o 34,48% da poboación asalariada na provincia tivo uns ingresos inferiores ao SMI.

Ante a ofensiva patronal, o inmobilismo dos gobernos da Xunta de Galiza e do Estado español e a crecente precarización das condicións laborais, “a CIG fomos quen de liderar procesos de negociación colectiva en sectores estratéxicos como a limpeza, onde tiñamos maioría, mais tamén no metal e no comercio da alimentación, onde eramos minoritarios”.

Estes sectores, cunha alta porcentaxe de persoas traballadoras en situación de precariedade, foron protagonistas de intensas mobilizacións impulsadas pola CIG. “Lonxe de resignarse ou aceptar convenios de mínimos, a acción sindical da CIG apostou pola organización e a mobilización para facer valer as reivindicacións do persoal”.

Grazas a estas mobilizacións e folgas, acadáronse melloras salientábeis nos convenios colectivos, tanto en termos salariais como na recuperación de dereitos laborais e sociais que se pretendían recortar ou conxelar, rachando co “pacto de rendas” imposto polo diálogo social no V Acordo Estatal de Negociación Colectiva acordado entre CCOO, UGT e a patronal española.

Estas loitas “non só melloran as condicións de vida de milleiros de persoas na provincia, senón que tamén deixan claro que sen loita non hai conquistas”. “As melloras non veñen do diálogo social senón da loita e a mobilización, a máis folgas máis e mellores convenios”, saliéntase no informe, pondo o exemplo da histórica folga dos sectores do metal “despois de máis de 30 anos sen ningunha convocatoria”, o convenio da limpeza onde se sostivo unha folga durante 130 días, a folga do SAF para frear o preacordo asinado por UGT e CCOO, ou a convocatoria de folga da CIG no comercio de alimentación, a pesares de ter escasa representación, pero que axitou o sector e que derivou nun importante medre da representación da central nacionalista no sector.

Defensa da fábrica de San Cibrao e dignificación dos coidados

Mención aparte merece o conflito na fábrica de alúmina-aluminio de San Cibrao “que exemplifica a política de desmantelamento industrial promovida polo capital transnacional coa complicidade das administracións”. Dende que Alcoa anunciou o peche das cubas, a postura da CIG foi clara: a continuidade da actividade e dos postos de traballo debe garantirse mediante unha intervención pública. Denunciando a acción insuficiente do Goberno estatal e da Xunta mentres a empresa incumpre e continúa a reducir a capacidade produtiva e demandando medidas enerxéticas e industrias e a necesidade dunha tarifa eléctrica galega.

A loita no sector dos coidados foi outro dos eixos da acción sindical neste período, tanto para garantir unha atención digna reclamando a creación dun sistema público de atención ás persoas, como na demanda de condicións laborais e salariais dignas para as persoas traballadoras -na súa gran maioría mulleres-. Unha acción reflectida na intensa conflitividade vivida no SAF e nas residencias privadas de maiores para exixir o recoñecemento e a dignificación do traballo de coidados e denunciar o modelo privatizador e mercantilista promovido polo Goberno da Xunta do PP.

Consolídase o medre da representación e a afiliación

No período concentrado de eleccións sindicais entre os anos 2020 e 2023, a CIG de Lugo-A Mariña experimentou un incremento de case catro puntos porcentuais, pasando do 23,51% ao 26,44%, e sobre todo reducindo diferenzas de forma considerábel con CCOO e UGT, “tanto que empatamos en representación con CCOO e quedamos a menos de 2 puntos de UGT”.

Cómpre destacar durante este período os resultados da FGAMT, onde a Unión Comarcal se mantivo como primeira forza, así como o aumento significativo na federación de Servizos onde se quedou a 2 representantes de ser tamén primeira forza.

De xeito paralelo, a boa evolución da afiliación, cun medre constante durante os últimos catro anos, convértese nun parámetro fundamental para analizar a evolución da CIG como referente da clase traballadora para a defensa dos seus dereitos. No conxunto da Unión Comarcal rexistrouse un medre da afiliación nestes catro anos do 9,44%, estando actualmente no momento de maior afiliación da historia na comarca. Chama a atención o forte medre afiliativo na Unión Local de Monforte entre 2021 e 2024 que foi do 18,86%.

“Este incremento da nosa base social resulta fundamental para garantir a nosa absoluta independencia económica, ademais de servir de reforzo do noso proxecto sindical e de contra poder fronte á patronal”, incídese. Cómpre apuntar que este medre experimentado sostense na afiliación das mulleres, fenómeno que está en relación directa cos sectores que acusan un maior aumento de afiliación neste período, Ensino, Saúde e Servizos, sectores efectivamente feminizados. Así, das preto de 9.600 persoas afiliadas na provincia, máis de 5.200 son mulleres. 

Volver