Intensifícanse as mobilizacións das traballadoras das residencias por un convenio digno

Nacional -

Despois da concentración deste mércores na residencia DomusVi de Outeiro de Rei, na mañá deste xoves as traballadoras das residencias da terceira idade saían as rúa de novo para reclamar un convenio digno con salarios xustos. Ao berro de "somos esenciais, queremos cobrar máis", persoal do sector manifestouse en Oleiros dende o centro residencial Clece Vitam Bastiagueiro até a residencia DomusVi da Avda. Rosalía de Castro. A próxima concentración terá lugar o mércores 20 de novembro, ás 11h, en DomusVi Ferrol.

Este calendario de mobilizacións, que se desenvolven ao longo das catro provincias, é a resposta das asembleas de traballadoras convocadas pola CIG á insuficiente proposta de convenio presentada pola patronal. Unha oferta que foi rexeitada de xeito maioritario polas asembleas, xa que non suporía ningún avance significativo en materia económica, de xornada ou nas condicións sociais.

Nestes momentos as negociacións están paralizadas e sen previsión dunha nova xuntanza, polo que, de non producírense movementos por parte da patronal antes de final de ano "non descartamos ir a unha convocatoria de folga", advirte o secretario de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Adolfo Naya.

Critica o papel que está a xogar a consellería de Política Social, "que se lava as mans neste conflito. Aínda que Xunta ten moito que dicir neste sector, non está nin se lle espera. Hai máis de dous meses que solicitamos unha reunión coa conselleira, Fabiola García, para tratar a situación nas residencias privadas a nivel laboral e asistencial, pero aínda non tivemos contestación".

Naya lembra que hai moitas residencias en Galiza que son propiedade da administración galega pero teñen a xestión privatizada e nas residencias privadas "unha parte importante das prazas están subvencionadas con cartos públicos, pero á Xunta nada lle importan as condicións laborais das traballadoras nin a calidade do servizo que reciben as persoas usuarias". A este respecto denuncia os actos propagandísticos inaugurando instalacións construídas pola Fundación Amancio Ortega "que meten na rede da Xunta pero logo entregan á xestión privada".

Un modelo de mercantilización dos coidados que condena o persoal a unhas condicións de miseria e explotación e ao deterioro da calidade asistencial "en favor do lucro de grandes empresas e fondos de investimento". Por iso, o representante da CIG reclama a intervención urxente da administración galega porque o obxectivo "ten que ser avanzar na equiparación das condicións laborais e salariais coas que hai nos centros de xestión directa, cumprindo a máxima de a igual traballo, igual salario".

Volver