GFS Security deixa de pagarlle o salario ao seu persoal

Ferrol -

A empresa valenciana GFS Security, que presta servizos de seguridade na provincia da Coruña a través de preto de cen traballadores e traballadoras, non apagou aínda a nómina de febreiro a maior parte do seu persoal, cando debería telo feito nos tres primeiros días hábiles tal do mes, tal e como se sinala no convenio sectorial de aplicación.

Esta empresa, que aceptou a cesión o 1 de outubro da meirande parte de clientes que tiña a empresa Prosetecnisa a nivel nacional, atopándose actualmente en quebra económica e preto da súa desaparición, viuse subrogada nas obrigas e dereitos dos traballadores que viñan prestando servizos con Prosetecnisa. Deste xeito, pasou a asumir unha débeda de 250.000 euros soamente na provincia da Coruña, correspondente ás nóminas de setembro e ás liquidacións de todo o persoal non abonadas por Prosetecnisa.

A empresa non atende a resolución da Inspección

Pero dende o 1 de outubro, explica Xabier Rodríguez, da CIG-Servizos de Ferrol, GFS vén rexeitando o pago destas débedas, recoñecendo incluso abertamente nos actos de conciliación a súa responsabilidade derivada da subrogación, pero negándose ao pago até que sexa obrigada polas diferentes sentenzas xudiciais.  

Mentres tanto, a Inspección de Traballo e Seguridade Social da Coruña emitía o pasado 16 de xaneiro unha orde contra a empresa GFS Security, dándolle de prazo até o vindeiro 13 de febreiro para que acreditase o pago das débedas deixadas por Prosetecnisa e contraídas cos traballadores/as en toda a provincia da Coruña, expoñéndose en caso de incumprimento a una infracción tipificada como moi grave e que, no seu grao máximo, levando aparellada unha sanción económica de entre 120.000 e 225.000 euros.

A día de hoxe a meirande parte do persoal da provincia aínda non recibiu cantidade algunha por parte de GFS, "incluso aquel persoal vinculado a empresas do grupo Tojeiro -como Reganosa, Forestal del Atlántico, Gadisa, Intasa, Galparket ou Unemsa-, viron como estaban a recibir ingresos presuntamente polas nóminas de setembro, pero nos que aparecían reducidos estes importes entre 200 e 300 euros por cada traballador e sen chegar a obter ningunha explicación por parte da empresa".

Empresas que non respectan os dereitos laborais

Unha falta de pago que, engade Rodríguez, "tristemente os traballadores xa coñecen pola política de contratación destes clientes, que parecen estar na procura de renunciar á calidade e o respecto ás máis elementais normas xurídicas na prestación de servizos nos seus centros de traballo, premiando por cuarta vez consecutiva a contratación de empresas que non respectan as súas obrigas sociais cos traballadores e traballadoras, facturando mensualmente a prestación dun servizo de seguridade precario e cheo de irregularidades, tanto administrativas como xudiciais, e sometendo a todo o persoal a unha situación insostíbel".

A ese respecto, denuncia que GFS Security "se por algo vén destacando dende o 1 de outubro, é por ter as ideas claras e os seus obxectivos ben definidos, en canto a non querer asumir ningunha responsabilidade nin obriga legal, procedendo ao despedimento indiscriminado de cantos traballadores considere e sen ter que dar ningunha explicación nin xustificación, sen importarlle o máis mínimo as cuantiosas sancións administrativas que serán executadas contra a empresa en menos dunha semana, ás sentenzas xudiciais coas que se verá responsabilizada polas faltas de pago, coma tamén polas indemnizacións que deberá sumir polos despedimentos de traballadores, incluso a pesar de ter a condición de representantes dos traballadores".

Critica que o único obxectivo desta empresa é maximizar os beneficios obtidos nestes meses, pero sen asumir ningunha obriga nin responsabilidade até que haxa condena na vía administrativa e xudicial.

Problemas no servizo coas últimas catro compañías contratas por Tojeiro

Estas prácticas piratas son habituais no sector, subliña Rodríguez, pondo o exemplo das anteriores empresa que prestaron servizos para o grupo Tojeiro:  Prosenorsa, Segur Ibérica, Prosetecnisa e agora GFS Security, "todas elas quebradas e desaparecidas, nas que os seus administradores, xestores e delegados rexionais non tiveron que asumir ningunha responsabilidade, aínda que se afanaron na descapitalización das empresas antes de provocar a súa quebra e desaparición". Deixando substanciosas débedas co seu persoal, que se ve continuamente na obriga de ter que acudir ao Fogasa, ou mesmo a continuos e longos procesos xudiciais.

O representante da CIG-Servizos critica que malia estas prácticas, de sobra coñecidas, as empresas clientes seguen a optar por este modelo de contratación precarizada.

Para a CIG, sindicato máis representativo en toda Galiza, "non é asumíbel a presenza no sector de empresas coma GFS", que están sendo investigadas de oficio pola Fiscalía pola presunta comisión de actos delituosos, que non cumpren coas súas obrigas salariais e nas relacións laborais co persoal, que son sancionados coas faltas máis elevadas existentes no orde social, e todo isto, "coa necesaria defensa, complicidade e aceptación dos seus clientes" que, en vez de bloquear os pagos das facturas mensuais pola falta de calidade e continuos incumprimentos e rescindirlles o contrato, apostan por manter este modelo.

A CIG xa puxo en coñecemento da Fiscalía, de Inspección de Traballo e dos diferentes xulgados a situación actual existente entre Prosetecnisa e GFS.

Volver