Galiza e Portugal e a captura do “Santa María”
Manuel Mera -
A captura do “Santa María”, na que os galegos tiveron un papel importante, é un feito relevante da loita de Galiza contra a ditadura e pola liberación das colonias españolas e portuguesas. E un dos poucos casos en que dous pobos irmáns, ademais das estreitas relacións económicas e turísticas, manteñen en común unha acción política de tanta relevancia
En xaneiro de 1961, hai máis de seis décadas, un comando de galegos e portugueses, formado por 24 persoas, capturou o barco de pasaxeiros “Santa María” (rebautizado por eles “Santa Liberdade”). A finalidade era desacreditar no plano internacional as ditaduras de Franco e Salazar e alentar as loitas pola independencia nas colonias respectivas, e conseguir que os seus efectos permitisen conquistar a democracia no Estado español (EE) e Portugal. A acción foi obra do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL).
O “Santa María” saíu de La Guaira, en Venezuela, o 20 de xaneiro de 1961; alí subiron parte dos membros do DRIL, e o resto fixérono ao día seguinte na illa Curaçao (dependente dos Países Baixos). Ían na nave 600 pasaxeiros e 310 tripulantes. O día 22 pola noite o comando apropiouse do barco. A operación foi doada, agás algúns momentos de tensión, o que causou a morte dun oficial e que outro resultase ferido de gravidade. Segundo os plans iniciais o barco tería que se dirixir a Fernando Poo, en Guinea Ecuatorial, e despois a Luanda, en Angola, co obxectivo de dar alento á sublevación destas dúas colonias, dependentes do Estado español (EE) e Portugal respectivamente. A rápida localización do “Santa María”, fixo mudar a folla de ruta, xa que deseguido o barco sería escoltado por naves de guerra norteamericanas.
O 31 de xuño os xornais destacaban que o almirante Dennison se dirixía ao destrutor “Goaring” para manter en alta mar unha entrevista co DRIL. Despois de varios días de negociacións, a saída foi facilitada por Brasil, cuxo presidente Jânio Quadros concedeu exilio político a “secuestradores” opositores das ditaduras do EE e Portugal. Nesta solución a postura dos Estados Unidos favorábel á autodeterminación das colonias, pensando sen dúbida nun aumento da súa incidencia unha vez que acadasen a “independencia” das metrópoles. Os xornais salientan nos días seguintes o desgusto de Salazar coa OTAN, así como o aumento da actividade rebelde en Angola e o envío desde a metrópole de paracaidistas.
A captura do “Santa María” estaba ben planificada; non foi unha arroutada, malia que resulta evidente que o DRIL carecía do apoio político necesario. Mesmo que mantivese contactos e relacións coa oposición no interior do EE e Portugal e os movementos de liberación en África faltáballe o apoio de fortes forzas sociais e políticas nas metrópoles. A folla de ruta escollida responde, nas formas, á teorización do que daquela se chamaba foquismo, ou sexa, un grupo de persoas armadas que serven de revulsivo e elemento aglutinador da oposición social e política, saltando etapas e procesos de acumulación baseados na mobilización e organización. Neste caso, o éxito inicial da acción tivo a virtude da súa transcendencia internacional, que non é pouca cousa, malia que os seus efectos prácticos inmediatos no EE e Portugal fosen limitados.
Agora ben, a acción e os participantes acadaron sona no ámbito internacional. Foi o caso de Pepe Velo (de alcume Carlos Junqueira de Ambía), Xosé Fernández (Jorge de Sotomayor), e Henrique Galvão. Eran tres personalidades moi distintas, coas valías necesarias para levar adiante unha tarefa tan arriscada, porén incapaces de manter o proxecto posteriormente, o que amosa que o DRIL tiña unha función moi especifica e conxuntural. A dirección política correspondía a Xosé Velo Mosquera, e había dous comandantes operacionais. Sotomayor, tamén galego, como mariño, encargouse de garantir a andaina do barco. Galvão, por ser un político portugués coñecido, sería a cara pública da operación, tendo en conta ademais a nacionalidade do barco e a relevancia das colonias africanas dese país e a rebelión existente.
O protagonismo de Velo sería destacado na entrevista que a revista Blanco y Negro lles fixo aos tres no barco en Recife, no Brasil, e na que se salienta en titulares: “Non era Galvão o xefe supremo ao mando do Santa María”. E a pé da foto, remarcáse que este papel correspondía a Carlos Junqueira de Ambía, o celanovés que fora dirixente da Federación de Mocidades Galeguistas durante a Segunda República. A captura do “Santa María”, na que os galegos tiveron un papel importante, é un feito relevante da loita de Galiza contra a ditadura e pola liberación das colonias españolas e portuguesas. E un dos poucos casos en que dous pobos irmáns, ademais das estreitas relacións económicas e turísticas, manteñen en común unha acción política de tanta relevancia.
[Galiza, 10 de xuño de 2025]