A mala xestión da Xunta provoca a fuxida de persoal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo

CIG-Autonómica critica que a política de persoal e a falta de negociación no AGACAL provoca a fuga do talento investigador e a perda de máis dun século de coñecemento agrario galego

Mabegondo -

A CIG-Autonómica alerta do desmantelamento planificado que está a sufrir o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), como consecuencia directa da política de persoal “e da nefasta xestión da Xunta de Galiza, que está a provocar a fuga de persoal investigador e técnico cualificado e a parálise da actividade científica no centro”.

Recentemente, seis investigadoras/os fixeron pública a súa decisión de marchar do CIAM, denunciando un desmantelamento planificado e unha situación laboral insostíbel que compromete o futuro da investigación agraria en Galiza. A súa marcha, cualificada como “voluntariamente forzosa”, é unha mostra máis da fuga de talento derivada do maltrato institucional ao que se está a someter ao persoal do centro.

Negociación paralizada e amortización de prazas

O AGACAL foi creado en 2018 con persoal procedente da Xunta; no ano 2021 aprobouse unha Relación de Postos de Traballo (RPT) “chapuceira”, coa promesa de abrir unha negociación en profundidade para analizar as funcións e condicións laborais do persoal. Porén, a negociación ficou paralizada tras varios intentos polas pretensións ilegais da dirección, como a eliminación de complementos salariais recoñecidos por sentenzas xudiciais firmes.

Desde entón, a Xunta e a dirección do AGACAL están a amortizar prazas de campo e de investigación para crear postos de libre designación, reducindo orzamentos e debilitando as áreas científicas do CIAM. En concreto, retiráronse máis de 450.000 euros correspondentes a prazas de persoal investigador e de campo, dedicando o seu orzamento para engordar a estrutura xerencial da axencia. Ademais, no período 2021-2024 deixáronse de executar máis de 10 millóns de euros que viñan para investimentos no CIAM.

Esta política de abandono, destrución e falta de transparencia está a impedir a renovación do cadro de persoal, deixando sen reposición os postos vacantes e dificultando a continuidade de proxectos de investigación de referencia en Galiza. O resultado é un deterioro grave do funcionamento do centro, onde o persoal debe atender o gando e o traballo nos laboratorios sen medios nin condicións dignas, e incluso tendo o persoal investigador que facer as labores do persoal de campo e laboratorio para que as investigacións de anos non se perdan.

Accidentes por sobrecarga e malas condicións das instalacións e da maquinaria

A CIG-Autonómica leva tempo denunciando a situación do centro onde se multiplican os accidentes por sobrecarga e falta de persoal. Denunciouse tamén ante a Inspección de Traballo, onde o sindicato presentou dúas denuncias polo mal estado das instalacións e da maquinaria, despois de rexistrarse un accidente grave con material antigo e sen documentación técnica. Porén, a Xunta continúa sen cubrir as vacantes, nin adoptar medidas de mellora nin garantir a seguridade do persoal.

O CIAM está en risco e con el a investigación pública agrogandeira

A CIG-Autonómica alerta que esta situación “é insostíbel e profundamente irresponsábel, pois pon en risco máis de 100 anos de coñecemento, patrimonio xenético e investigación agrogandeira galega”. A CIG esíxelle á Consellaría do Medio Rural e ao AGACAL que poñan fin á amortización de prazas e melloren as instalacións, recuperen o persoal investigador e técnico, convoquen mesas de negociación reais e transparentes e respecten os dereitos laborais e profesionais do cadro de persoal.

"Debe apostarse pola investigación pública para garantir o servizo de calidade ao patrimonio e o futuro agrogandeiro galego", conclúe a CIG-Autonómica.

Volver