Francia: A mobilización social no centro da crise política
Bittor Ugarte -
En Francia asistimos a unha crise política cuxa evolución é difícil prever. O ascenso da extrema dereita (RN) xunto á crise dos partidos da dereita e a fragmentación da esquerda fai cada vez máis complicado para Macron manterse no posto até 2027
Tras o éxito da xornada de mobilización do 10 de setembro (cunha chea de iniciativas por todo o hexágono, máis de 200.000 persoas mobilizadas e mesmo con folgas nalgúns centros de traballo), todas as olladas estaban postas na convocatoria da intersindical (CFDT,CGT, FO, CFE/CGC, CFTC, UNSA, FSU, Solidaires) para o xoves día 18. Unha xornada de mobilización que, como se viu, marcou un paso adiante na mobilización: máis dun millón de manifestantes na rúa, importantes empresas en folga, tanto no sector público como privado (o 45% das e os traballadores de institutos e colexios, así como o 30% dos de escolas, o transporte público totalmente paralizado na SNCF e a RATP; no sector enerxético, a CGT anunciou que 1 de cada 3 traballadores estaba en folga... O impacto desta folga na rede eléctrica foi equivalente ao peche de 4 reactores nucleares) e unha mocidade moi presente nas mobilizacións, do mesmo xeito que o día 10.
Esta mobilización chega tras a paréntese aberta pola derrota das mobilizacións contra a reforma das pensións (que con todo supuxo unha deslexitimación en toda regra de Macron e o seu goberno) e as eleccións lexislativas de 2024, que levaron á inesperada vitoria da Nova Fronte Popular e a demanda dun cambio radical nas políticas sociais e a vida democrática do país. Unhas demandas que bateron coa teima de Macron de negar esta realidade e continuar aplicando a súa axenda neoliberal e deriva autoritaria.
O chamamento á mobilización do día 10 a través de redes sociais (‘Bloqueemos todo’) xurdiu da combinación de todos eses factores, dado que as condicións de vida das clases populares se agravan a marchas forzadas mentres os beneficios das empresas do CAC40 (o Ibex35 francés) se incrementan de forma obscena e, un día si e outro tamén, o goberno non deixa de introducir recortes nos subsidios de desemprego, no ensino, a sanidade... e incrementa os gastos farmacéuticos. Todo iso xunto a unha intensificación do exercicio autoritario do poder que, con Macron, alcanzou as trazas dun réxime case monárquico. A extensión do chamamento foi tal, que en pleno período estival -o nunca visto até o de agora- foron xurdindo adhesións a este de unións locais ou de federacións de sindicatos. O resultado de todo iso foi que a intersindical, que nun principio pensaba chamar á mobilización a finais de outubro, se viu obrigada a adiantar o calendario e axustalo á convocatoria do día 10.
En certo sentido, isto permitiu unha converxencia entre o movemento ‘Bloqueemos todo’ e o movemento sindical que non se deu na época dos ‘Chalecos amarelos’. Máis aló diso, ‘Bloqueemos todo’ non reviste as mesmas características que os ‘Chalecos amarelos’ (en canto a composición e métodos de acción), polo que asistimos a unha nova experiencia que haberá que seguir de preto para ver como evolúe e se articula co movemento asociativo, sindical e político nun contexto de crise de réxime.
Macron no punto de mira
Porque aínda que nun primeiro momento o obxectivo era acabar co goberno de Bayrou e o seu proxecto orzamentario de recortar de 55000 millóns no gasto social, nun verdadeiro exercicio de motoserra que nada tiña que envexar a Milei, tras a súa dimisión e a obstinación de Macron de seguir pola mesma vía nomeando a Lecornu para novo primeiro ministro, é Macron quen está no punto de mira e a quen se exixe a súa dimisión, a pesar de que partidos como e PS quererían evitar, custar o que custar, ter que afrontar a unhas eleccións presidenciais anticipadas... mesmo se podería dicir que a unhas eleccións lexislativas no caso de que Macron volva disolver o parlamento.
Asistimos, pois, a unha crise política cuxa evolución é difícil prever. O ascenso da extrema dereita (RN) xunto á crise dos partidos da dereita e a fragmentación da esquerda fai cada vez máis complicado para Macron manterse no posto até 2027, e calquera saída no marco da V República (co sistema de elección uninominal a dúas voltas para o parlamento) corre o risco de reproducir a inestabilidade actual. Por iso é polo que, máis aló de Macron, a saída política á crise actual formule a necesidade de pór fin á V República e a un sistema presidencialista (que con Macron adquiriu unha deriva autoritaria sen precedentes) para estabelecer un sistema democrático real, o que sinala a necesidade de abrir un proceso constituínte.
Reforzar a mobilización social
Agora ben, a crise política tamén pode actuar como un rebumbio para xerar confusión e división no movemento social. Un movemento social que, non o esquezamos, aínda que deu boa mostra de enerxía nas xornadas de mobilización do 10 e o 18 e logrou que Lecornu anunciase a supresión dunha das medidas regresivas impostas por Bayrou (supresión de dous días festivos), aínda necesita reforzar o seu nivel de mobilización e autoorganización para botar por terra a axenda neoliberal de Macron e forzar tamén a unidade de esquerda fronte ao ascenso da extrema dereita.
Polo momento, todas as organizacións sindicais, como indican no comunicado do día 19, tomaron «boa nota da carraxe e a determinación das e os traballadores e desempregados, da mocidade e das e os pensionistas: xa abonda de sacrificios para o mundo laboral!».
A mobilización masiva do 18 de setembro demostra que aínda non é dabondo. As organizacións sindicais, xunto cos traballadores e traballadoras, exixen: «O abandono de todo o proxecto de orzamento e, en particular, a duplicación das franquías médicas, o ano branco (desindexación das pensións, as prestacións sociais, os salarios dos funcionarios e o orzamento dos servizos públicos), a supresión de 3000 postos de funcionarios e a reforma do seguro de desemprego, así como os proxectos que atacan o código laboral e o 1 de maio; xustiza fiscal, coa implantación de medidas que graven os grandes patrimonios e as rendas moi altas, e obriguen ao pagamento de dividendos; condicionalidade social e medioambiental dos 211000 millóns de euros de axudas públicas ás empresas privadas; medios orzamentarios suficientes para os servizos públicos en todo o territorio; unha protección social de alto nivel e o abandono do atraso da idade legal de xubilación aos 64 anos; investimentos nunha transición ecolóxica xusta e a reindustrialización de Francia, e medidas contra os despedimentos».
E anuncian novas mobilizacións se Lacornu non dá o brazo a torcer. O primeiro ministro (que quince días despois de ser nomeado aínda non foi capaz nin de definir a súa axenda e composición de goberno) recolleu a luva convocando unha reunión coa intersindical -cousa rara no panorama político francés: até o de agora as xuntanzas eran por separado con casa sindicato representativo- para o día 24.
Haberá que ver o que dá de si, aínda que a marxe de negociación é practicamente inexistente e o máis probábel é que asistamos a novas mobilizacións sociais nas próximas semanas, na que se combinen xornadas de mobilización convocadas polos sindicatos e iniciativas do movemento ‘Bloqueemos todo’, que segue activo sobre o terreo.
[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 20 de setembro de 2025]