Folga e protestas no outlet de Massimo Dutti en Allariz contra os despidos e os abusos laborais

A tenda está xestionada por Integratex, un centro especial de emprego do grupo empresarial Galega de Economía Social, de Cogami

Allariz -

O persoal da tenda outlet de Massimo Dutti en Allariz, xestionada por Integratex, centro especial de emprego do Grupo Empresarial Galego de Economía Social, que pertence a Cogami, secundou onte a primeira das catro xornadas de folga convocadas e desenvolveron unha concentración diante do establecemento para esixir a readmisión dun compañeiro despedido inxustamente e a eliminación dunha sanción disciplinaria a unha traballadora e denunciar os incumprimentos en materia laboral.

Dende a CIG-Servizos de Ourense denuncian incumprimentos en materia salarial, establecidas tanto por convenio colectivo como por acordos internos, que os traballadores/as levan reclamando dende hai meses.

“A resposta da empresa foi non só non atender as súas demandas, senón que foron ‘castigados/as’ por reclamar os seus dereitos, despedindo inxustamente a un traballador, impoñendo unha sanción abusiva de 16 días sen emprego e soldo a outra traballadora e anunciando que se empregarán as gravacións do sistema de vixilancia recen instalado, colocadas incluso na sala de descanso, como proba para interpor posíbeis sancións”.

Na central sindical sinalan que Integratex, que conta con tres tendas en todo Galiza, presume de que máis do 90% dos seus empregados/as son persoas con discapacidade e que todos os beneficios obtidos pasan a reinvestirse na propia empresa co obxectivo de seguir fomentando o seu crecemento e a creación de emprego para este colectivo.

“Pero a realidade é ben distinta: en Massimo Dutti de Allariz os traballadores/as foron enganados/as, xa que motivo da reforma e ampliación da tenda hai un par de anos roubáronlles días de vacacións; non se lles recoñece a categoría profesional correspondente; e incumpren o convenio colectivo e un acordo de mellora salarial asinado entre as partes, algo que consideramos inadmisíbel por tratarse dun centro especial de emprego que ten anualmente uns beneficios desorbitados".

Diante disto, o cadro de persoal optou por convocar catro xornadas de folga. Onte domingo tivo lugar a primeira delas, mentres que as seguintes terán lugar os vindeiros venres 17, sábado 18 e domingo 19 de maio, días en fin de semana e festivo, por ser cando máis vendas se rexistran. A tenda comercializa prendas e artigos da colección de Massimo Dutti de tempadas anteriores a prezos reducidos, froito da colaboración entre Inditex e Cogami, “e nas fins de semana é cando máis se factura”.

Volver