Falta man de obra na Galiza?

Manuel Mera -

Das 815 mil persoas contratadas que había en abril na Galiza, só un 58% tiña un contrato indefinido a tempo completo (472 mil), o resto contaban con contratos: a tempo parcial, fixo-descontinuo, temporal ou en prácticas

 A patronal do Estado español, e tamén a galega, seica non atopa man de obra. Un problema que semella que se agudiza nos meses de verán cando aumenta o consumo e a actividade dos servizos pola chegada masiva de turismo. Daquela que coa escusa de que non poden cubrir os postos de traballo esixan que se abra a contratación de man de obra no exterior. Agora ben, tendo en consideración que hai 126.000 persoas no paro no país galego, aínda que unha parte non figure ocupada cando en realidade está no traballo en negro (anotada ou non no paro), trátase dunha porcentaxe moi alta de parados/as, máxime cando non están contabilizados como tales os fixos-descontinuos cando están no desemprego (superan o 10%). Por outra parte habería que ver cales son as condicións laborais que se ofrecen (xornada, tempo de contratación...) e os salarios dos empregos que non se dan cuberto. Ou sexa, que se trata de condicións de traballo en precario, en negro, ou mesmo indignas, que só poden aceptar persoas nunhas situacións de extrema precariedade por un tempo, aquel que lles leva buscar outro emprego mellor pago na Galiza.

 Polo tanto, neste contexto, non se pode obviar que normalmente a inmigración axe como unha man de obra de reserva que compite directamente coas persoas en situación de paro, premendo á baixa as condicións laborais e os salarios reais (tamén dun número importante dos inmigrantes residentes, cunha porcentaxe moi elevada en situación de pobreza, un 53% cando se trata de persoas vindas de países non da UE, o que deixa en evidencia a falta de políticas de integración e de cumprimento das normativas laborais, para alén da propaganda solidaria coa que se arroupa os temas migratorios). Son fracturas laborais e sociais que logo se reflicten na negociación colectiva e na mobilización. A patronal, como é lóxico, valora positivamente esta fragmentación, xa que segundo a súa interpretación a caída do salario real é un escudo contra a inflación, obviando que isto non é sempre así, e que, en principio, na realidade, sobre todo implica un aumento dos beneficios empresariais, especialmente das grandes corporacións, que se engade a unha caída do consumo e do emprego.

 Algúns datos a termos en consideración. Das 815 mil persoas contratadas que había en abril na Galiza, só un 58% tiña un contrato indefinido a tempo completo (472 mil), o resto contaban con contratos: a tempo parcial, fixo-descontinuo, temporal ou en prácticas. Ou sexa, que as condicións laborais son cada vez máis precarias, non se trata de excepcións. Daquela que un estudo feito por Oxfam Intermon sobre 4 mil persoas en todo o Estado español destaca que un 54,4% da poboación está insatisfeita coa súa situación económica, e que un 42% non está contenta coas súas condicións laborais. Ou sexa, un contexto que, para alén das cifras macro do Goberno sobre emprego e paro (maquilladas cos/as fixos descontinuos?), non teñen en conta a evolución dos salarios reais, e en casos máis concretos, como o da nación galega, a hipoteca que implica para o futuro a cativa natalidade e o masivo investimento empresarial no exterior (esta última dáse o paradoxo de que é aplaudida, cando xera emprego fóra, nun país onde boa parte da mocidade emigra).

 

[Galiza, 21 de maio de 2024]

Volver