Dependencia e exportación de recursos

Manuel Mera -

Cada ano que pasa nas empresas máis dinámicas de Galiza ten un papel máis importante o capital foráneo e polo tanto vai en aumento o carácter subalterno que cumpre a nación galega, non só respecto dos ingresos, senón tamén do aumento do investimento dos excedentes no exterior

Son preocupantes as análises respecto da crise da industria en Alemaña, a locomotora da UE, tendo en consideración que é un sector central na actividade económica, polo que as eivas que atrancan o desenvolvemento son importantes. Entre os motivos da crise, sen dúbida están o aumento do prezo da enerxía e materias primas, tanto sexa pola guerra na Ucraína e as sancións a Rusia, como polo afastamento planificado nas relacións comerciais con China. Unha estratexia coa que se pretende frear e reverter o avance das potencias emerxentes, e impedir a consolidación dun mundo multipolar. Aínda que até o de agora os maiores custos desta folla de ruta son para a Unión Europea, que pretendía manter con esta estratexia intacto seu papel subimperialista, xa que na práctica fortaleceu a súa dependencia militar e económica de USA e foi perdendo peso internacional en todo os eidos.

 Agora ben, Alemaña non é o único país con problemas da UE, xa que aínda que o Estado español aproveita o tirón do sector turístico e as axudas do plan Next Generation, o certo é que a produción industrial caeu durante o ano pasado no -1,9%. Este retroceso foi moito maior na Galiza, do -2,9% en 2023, e o máis grave é que se trata dunha tendencia regresiva cun importante efecto negativo sobre o emprego no sector. Este pasou de 210.200 persoas en decembro de 2008 a 174.700 neses mesmo mes de 2023. Perdéronse nestes 15 anos 34.500 empregos!!! nunha actividade económica que ten un efecto multiplicador. Son datos que reflicten o peche ou redución de cadro de persoal e produción en sectores tan importantes como o do aluminio, construción de aeroxeradores, conservas de peixe, téxtil, naval...

 Para alén das declaracións que está forzada a realizar a Xunta de Galiza respecto da preocupación pola situación, que menos podería facer, e que seica está a impulsar algúns proxectos estrela, estes poucas veces cristalizan, ou son cuestionados polos residentes da comarca por levar engadidos grandes problemas ecolóxicos ou/e afectar outros sectores económicos (como é o caso de Altri, os aeroxeradores mariños, etc.). O certo é que, ademais a actividade industrial que subsiste ou algunha que se vai instalar, a gran maioría, agás algunhas excepcións meritorias, suman como conxunto aspectos negativos en termos de futuro, entre os cales o máis importante a súa dependencia de decisións externas aos intereses do noso país. Cada ano que pasa nas empresas máis dinámicas de Galiza ten un papel máis importante o capital foráneo e polo tanto vai en aumento o carácter subalterno que cumpre a nación galega, non só respecto dos ingresos, senón tamén do aumento do investimento dos excedentes no exterior, dando pulo a un circulo vicioso, que hai que superar para crear emprego, aumentar salarios, dignificar as condicións laborais, así como e xerar condicións favorábeis á medra da natalidade e terminar coa emigración forzada de gran parte da mocidade.

 Os datos son clarificadores respecto das consecuencias da dependencia. Entre xaneiro e setembro de 2023 as empresas galegas investiron no exterior do Estado español (EE) 976 millóns de euros, e recibíronse 416 millóns. Malia que os ingresos foron menos da metade das saídas de capital, considérase un éxito desde os círculos de poder. A escusa é, que por exemplo, no 2022, nese mesmo período do ano, se investiu no exterior do EE 2.378 millóns e recibíronse 179 millóns. As diferencias son notábeis, e confirman un rol na cadea de valor dunha economía cun papel subalterno, que hipoteca a actividade industrial e a creación de emprego, e lastra as condicións laborais e os ingresos salariais (malia loitas exemplares en moitas empresas e sectores coa CIG na vangarda).

 Evidentemente hai excepcións a esta tendencia dominante, en empresas e sectores, as que non se lles pode negar interese, que poden servir de exemplo, porén a tendencia dominante deixa en evidencia que a evolución da nación galega é a dunha economía secuestrada, que exporta man de obra cualificada e capital. Uns recursos que son esenciais para o desenvolvemento. Ou sexa, somos unha colonia, evidentemente coa particularidade de estar na periferia interior da propia Unión Europea, e que hai que valorar o termo respecto do contexto actual. O que implica que o reaxuste se vai facer á custa da periferia e en beneficio dos centros de poder político e económico, tanto na UE como no Estado español (por exemplo de Madrid). Abonda con ver o que sucedeu durante o auxe da globalización neoliberal.

 

[Galiza, 26 de marzo de 2024]

Volver