Denuncian anomalías no concurso do servizo de seguridade privada da área sanitaria de Vigo

Dende a CIG-Servizos advirten dunha posíbel competencia desleal no proceso

Vigo -

A CIG denuncia unha serie de anomalías que están a poñer en risco a viabilidade do concurso de adxudicación do servizo de seguridade privada do CHUVI por parte da sociedade concesionaria do Novo Hospital de Vigo, que ocupa entre vixilantes de seguridade e mandos intermedios a 36 persoas traballadoras, asignadas aos hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Peña, por valor de dun millón e medio de euros sen IVE.

Pedro Pérez, responsábel nacional de Seguridade Privada da CIG-Servizos, explica que “unha das empresas presentadas realizou unha oferta por cinco anos sen revisión de prezos; por pouco que se incrementen os salarios neste período (un 3% en 2025 e outro 3% en 2026, que son os aumentos establecidos no convenio de seguridade) e nos anos tres anos seguintes por negociar (a previsión é que non estean nunca por debaixo desta porcentaxe), e tendo en conta a posíbel redución de xornada nun futuro inmediato, a oferta sitúase por debaixo do prezo de custe do servizo xa no segundo ano de vixencia do contrato, polo que a consideramos unha oferta temeraria”. 

Unha das ofertas presentadas sitúase por debaixo do prezo de custe do servizo xa no segundo ano de vixencia do contrato

Pérez considera que deste xeito o contrato será insostíbel economicamente, provocando que non se poidan afrontar os custes salariais, xerándose un conflito similar ao que xa se rexistrou no pasado neste servizo baixo a xestión da empresa Segur Ibérica, cando o persoal estivo sen cobrar durante meses.

“Isto só pode ter unha explicación: que a empresa conte con información privilexiada ou cun trato de favor, optando por renunciar á revisión de prezos que establecen as plicas (0,85% do IPC anual) para presentar a oferta máis competitiva e facerse co contrato; e que logo teñan un acordo baixo man para o futuro, o que sería unha clara competencia desleal cara ás outras compañías presentadas; este modus operandi da sociedade concesionaria do Novo Hospital de Vigo ten que contar coa conivencia do Sergas e da Consellaría de Sanidade, senón non se entende”.

Intereses particulares

O responsábel sindical lembra que se tata dun contrato “moi apetitoso” para as empresas, e incide en que algunha das presentadas conta con “relacións políticas familiares”, polo que agarda que o contrato non se decida máis por intereses particulares que polo ben do servizo e das persoas traballadoras que os prestan.

Neste senso, sinala que entre estas compañías atópase Eulen Seguridad, dirixida no noroeste do Estado español por Micaela Núñez Feijóo, irmá do líder do PP e anterior presidente da Xunta. O grupo de empresas Eulen Seguridad, limpeza e servizos sociosanitarios levouse 1311 contratos adxudicados a dedo por 4.832.029,85 euros entre 2018 e 2023, e máis de 37 millóns de euros dende que Feijóo accedeu ao Goberno do Xunta en 2009, tal e como recolleron distintos medios de comunicación e mesmo denunciou publicamente o BNG, sen que as denuncias fosen desmentidas pola Xunta.

“Dende a CIG estaremos moi pendentes de todo o proceso, como así o fixemos noutros nos que teñen acontecido feitos similares, na defensa da clase traballadora e da calidade do servizo, porque non hai vixilantes de seguridade de primeira e de segunda dependendo de para quen presten servizo os profesionais do sector”.

Volver