Consolídase a folga indefinida en Navantia por un convenio digno
O persoal aprobou ir a un paro xeral coincidindo coas xornadas de negociación en Madrid
Ferrol -
Os traballadores e traballadoras de Navantia están secundando unha folga con carácter indefinido para exixir avances na negociación colectiva que permitan, tras máis de dous anos, pechar un acordo de convenio. A decisión, a proposta da CIG, foi aprobada en asemblea este luns e o paro xeral estenderase cando menos até o venres, coincidindo cos tres días de reunión da mesa fixadas para esta semana.
A primeira hora do próximo venres realizarase unha nova asemblea para valorar o resultado das negociacións e decidir se a folga se prolonga por máis tempo en función dos avances que poida haber.
Os piquetes informativos apostados nas portas do estaleiro puideron comprobar que a folga no estaleiro "xa estaba consolidada" nas primeiras horas desta mañá, pois ningún traballador ou traballadora de Navantia acudiu ao seu posto. Segundo explica o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Grandal, estase permitindo a entrada ao persoal da industria auxiliar, "pero tampouco van poder realizar as súa tarefas porque non hai persoas coordinadoras ou xefas de equipo da principal".
Grandal subliña que a decisión de ir á folga non só ten como obxectivo darlle un pulo ás negociacións que se desenvolven en Madrid para o convenio, senón que tamén "é a resposta do persoal ás cartas de ameaza de sancións enviadas pola empresa tras acordarse en referendo a paralización dos traballos de aceiros das fragatas". Diante destas ameazadas, o persoal reaxe cun paro total.
Cómpre lembrar que a negociación do convenio colectivo está aberta dende hai máis de dous anos, e ante a falta de avances, a representación social marcouse o 30 de novembro como data límite para levar as asembleas algún principio de acordo.
Neste contexto, o persoal intensificou nas últimas semanas as mobilizacións para concluír aqueles temas nos que xa houbo un achegamento e desbloquear aquelas materias nas que as posicións están máis afastadas ou nas que a empresa nin sequera trasladou unha proposta, como as condicións das saídas, a redución da xornada laboral ou a recuperación do poder adquisitivo.