Compañeiro Etelvino Blanco, a loita continúa

A CIG salienta o seu compromiso na defensa dos dereitos laborais e sociais e o seu contributo ao sindicalismo nacionalista de clase

Nacional -

A Confederación Intersindical Galega quere trasladar o sentido pesar polo pasamento do compañeiro da central sindical, Etelvino Blanco, finado este xoves en Ourense. A CIG recoñece o seu labor incansábel na defensa dos dereitos da clase obreira, o seu compromiso social e a súa contribución á construción e consolidación da propia Confederación Intersindical Galega.

O compañeiro Etelvino foi un loitador incansábel, sempre entregado á defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores de Ourense, onde estivo á fronte do sindicalismo nacionalista, como secretario comarcal, até a súa xubilación, no ano 2017. Participou a finais dos anos 70 nas folgas do sector de Construción e Madeira, das primeiras que se producían en Ourense, e en conflitos tan duros tan duros como o de Citröen, a finais dos anos 80. En ambos os casos conflitos liderados polo sindicalismo nacionalista.

Mais tamén salientou polo seu compromiso social, como portavoz das plataformas pola dignificación do campus de Ourense, Pro Campus, e en demanda do campus da UNED, Pro UNED, tamén a finais dos anos 80. Un compromiso en materia social que mantivo até o último minuto.

Con todo, a CIG quere salientar moi especialmente o labor de Etelvino como incansábel loitador que contribuíu a fortalecer e consolidar o sindicalismo nacionalista de clase.

A partir das 11:00 horas deste venres estará no tanatorio das Burgas e mañá sera incinerado, por expreso desexo da familia, na intimidade.

Compañeiro, a loita continúa!

Volver