CIG-Servizos demanda a readmisión das traballadoras do Hotel Plaza despedidas
A dirección non respecta os descansos e pretende externalizar varios departamentos
A Coruña -
A CIG-Servizos demanda a readmisión inmediata de sete traballadoras do Hotel Plaza da Coruña, a quen a empresa despediu como represalia por ter reclamado os seus dereitos. A política de persecución contra as traballadoras, segundo explica a Federación, comezou logo da celebración das eleccións sindicais en marzo do ano pasado.
Unhas eleccións que, engade Mario Bastamante, foron promovidas polas traballadoras/es, fartas dos incumprimentos sistemáticos por parte da empresa no relativo aos calendarios de descanso semanais e de traballo, vacacións e días festivos. A CIG obtivo a representación legal e dende entón, a través da delegada de persoal, promovéronse actuacións para combater as ilegalidades e incumprimentos laborais.
Porén, en vez de respectar a legalidade, "a política empresarial de Blancohostel (propietaria do estabelecemento) vai encamiñada a deteriorar as condicións de traballo e a represaliar as traballadoras", denuncia a CIG-Servizos.
A última medida adoptada foi o despedimento de seis empregadas de pisos e unha traballadora de cociña, que levan máis de 10 anos prestando servizos na empresa. Pero ademais, a dirección pretende externalizar o departamento de pisos, restauración e cociña, o que suporía novos despedimentos no hotel.
Ante a nova situación, a CIG-Servizos vai iniciar mobilizacións para conseguir que as sete compañeiras sexan readmitidas, que a empresa abandone a política de externalización dos departamentos e comece a respectar os dereitos laborais.