Protestas en Mercadona nas catro provinciais coincidindo co xuízo de impugnación do convenio

Nacional -

A CIG-Servizos realizou este xoves catro mobilizacións simultáneas na Coruña, Vigo, Ourense e Monforte diante doutros tantos supermercados de Mercadona. As protestas desenvólvense coincidindo coa celebración na Audiencia Nacional en Madrid do xuízo de impugnación do convenio colectivo de Mercadona, tras a demanda presentada pola CIG.

"A pesar de toda a propaganda, o convenio colectivo de Mercadona non é a marabilla que nos queren vender", advirte Transi Fernández, secretaria nacional da CIG-Servizos, quen apunta que o articulado contén varios puntos que "ao noso entender son ilegais". En concreto, impúgnanse o artigo 21.h, que lle permite a empresa aprazar o permiso parental ao seu arbitrio; o artigo 31, que regula a redución da prima por obxectivos en situacións de enfermidade común; e o artigo 44, que atribúe ao comité intercentros funcións correspondentes a outros órganos.

O xuízo quedou visto para sentenza e no decurso deste a propia Fiscalía manifestou as súas dúbidas a respecto da legalidade do artigo referido á minoración da prima anual.

Mercadona quere excluír á CIG das negociacións

Fernández lembra que convenio colectivo de Mercadona, de ámbito estatal, foi asinado o pasado decembro pola empresa e as centrais sindicais UGT, CCOO y SI e ten vixencia de 2024 a 2028. A CIG e o sindicato vasco ELA tamén forman parte da mesa negociadora "pero non ratificamos o texto porque empeora as condicións laborais e salariais xa recoñecidas en convenios anteriores e ademais afonda na centralización das relacións laborais".

Excluír da negociación colectiva a aquelas organizacións sindicais que, como a CIG, lle resultan molestas á empresa por defender e reivindicar os dereitos das traballadoras e traballadores é precisamente o obxectivo do artigo 44. "Atribúese ao comité intercentros a capacidade de negociar o próximo convenio. Isto significa que se constituirá un órgano con 13 persoas, a maioría de CCOO e UGT, e deixarase fóra a sindicatos como a CIG ou ELA, aínda que teñamos a maioría da representación nos nosos respectivos territorios", apunta.

Até o de agora, matiza Fernández, o convenio negóciase en Valencia a través dunha comisión conformada en función da representatividade de cada sindicato.

Conciliación e cobro da prima

Sobre os outros dous puntos impugnados, a secretaria da CIG-Servizos advirte que axudan a reforzar a política anti-conciliación de Mercadona e a persecución e acoso ao persoal que cae de baixa. Dúas cuestións que nos últimos tempos lle teñen carrexado a empresa numerosas sentenzas condenatorias.

No relativo ao permiso parental, dáselle a Mercadona a facultade de aprazar as solicitudes de maneira discrecional ao non definirse os supostos concretos nos que é posíbel este adiamento. "A inseguridade xurídica que deliberadamente se crea polo convenio, salienta, afecta de xeito especial ás mulleres, que son a maioría do cadro de persoal e quen de maneira maioritaria exerce os dereitos de conciliación".

Sobre o cobro da prima, que se reduza a contía desta durante as situacións de baixa por continxencias comúns constitúe para Fernández unha clara discriminación por razón de enfermidade. "Mercadona utiliza a prima anual como un mecanismo de castigo/premio e tal e como está redactado este artigo, aínda lle resulta máis fácil penalizar economicamente as traballadoras e traballadoras polo simple feito de estar enfermas".

Persecución e represión

A isto súmanse outras problemáticas como a elevada temporalidade e o incremento da contratación a tempo parcial, que afecta maiormente ás mulleres; ou os abusos laborais, as faltas de respecto e as ameazas que sofre o persoal día a día nos centros de traballo.

Doutra banda, a secretaria nacional da federación de Servizos denuncia a política de represión e persecución que Mercadona exerce sobre as delegadas e delegados impóndolles sancións e amoestacións inxustas, nun evidente intento de evitar que exerzan o seu labor sindical.

Este maltrato intensificouse dende as últimas eleccións, nas que a CIG revalidou a súa maioría no comité da Coruña e irrompeu con forza nos comités provinciais de Pontevedra e Ourense, sendo a central máis votada.

Volver