Brasil: crónica dun ensaio anunciado

Atilio A. Boron -

O presidente Lula terá que se convencer de que deberá mobilizar e organizar a súa base electoral e recuperar o control de rúas e prazas. En caso contrario, a estabilidade do seu goberno podería chegar a verse moi comprometida

 O acontecido en Brasil é algo inédito na historia dese país. Pero, paradoxalmente, era algo previsíbel. Houbo moitos sinais de que a dereita radical, neofascista ou neonazi, non estaba disposta a permitir que se consumase en paz e ordenadamente a chegada de Lula como novo presidente do Brasil. Claros indicios de que apostaba a un golpe militar, para o que golpeaban a porta dos cuarteis e acusaban publicamente de covardes os militares por non “rescatar o país” das garras do comunismo e a súa arma mortal: “a ideoloxía de xénero”. 

 O mesmo que se fixo en Chile nos meses finais do goberno de Salvador Allende. A receita é a mesma, “made in America”: mobilizar a un segmento da “sociedade civil”, gañar as rúas, precipitar a intervención militar e tombar o goberno indesexábel. Por iso o ocorrido era algo que estaba presente no nefasto “clima de época” alimentado polo inexorábel devalar dos Estados Unidos como superpotencia mundial e a súa recargada virulencia.

 O signo desa revolta bolsonarista garda unha notable similitude co acaecido case exactamente dous anos antes no Capitolio de Estados Unidos.  Neste país tivo lugar un 6 de xaneiro, en Brasil o 8. A coincidencia non é casual, tendo en conta da existencia dunha moi activa e moi ben financiada internacional neofascista que ten como o seu gurú ideolóxico e organizacional a Steve Bannon, exasesor de Donald Trump. Pero as coincidencias non terminan alí. O obxectivo foi o mesmo: demostrar como un grupo decidido e relativamente pequeno (en Brasil, unhas catro mil persoas) se pode apoderar a vontade da sede dos tres poderes do Estado e, se algunhas condicións maduran, facer que as forzas armadas dean un paso á fronte e consomen a re-edición do infausto golpe de estado de 1964. Por iso o ocorrido é un ensaio, unha proba. Seguramente volverán á carga para crear unha situación que finalmente termine por converter en inevitábel unha arbitraxe militar.

 Claro que o anterior depende en gran medida do que faga o goberno de Lula. Para comezar terá que decretar a intervención da gobernación de Brasília, cómplice necesaria pola súa pasividade ante os revoltosos. Terá tamén que substituír a cúpula dos servizos de intelixencia do Estado, que foron incapaces –ou non quixeron- anticipar esta situación e advertir ás autoridades do perigo que se aveciñaba. E outro tanto terá que facer coas forzas armadas. Por outra banda, o presidente Lula terá que se convencer de que deberá mobilizar e organizar a súa base electoral e recuperar o control de rúas e prazas. En caso contrario, a estabilidade do seu goberno podería chegar a verse moi comprometida. Nin as institucións nin as diversas ramas do aparello estatal lle responden como  manda a Constitución. A súa única valedora é a mobilización popular.

 Falabamos máis arriba do “clima de época” no que hai que enmarcar o acontecido. Repasemos: en 2021 produciuse o do Capitolio; o 2022 foi pródigo en acontecementos similares. En xullo miles de manifestantes en Sri Lanka tomaron por asalto a residencia oficial e a oficina do presidente, e incendiaron a do primeiro ministro. O signo político non era reaccionario, pero a forma da protesta si o foi. En decembro frustrouse un intento neonazi de ocupar violentamente o Bundestag e varios parlamentos dos Landers alemáns. En setembro produciuse o frustrado intento de magnicidio en contra de Cristina Fernández de Kirchner, aínda lonxe de estar esclarecido; en decembro a destitución de Pedro Castillo en Perú; agora a tentativa en Brasil. E antes, a non esquecelo, talvez inaugurando este ciclo, o cruento golpe neofascista en Bolivia. 

 O obvio mais sistematicamente negado “déficit democrático” dos sistemas políticos que se pretenden democracias (e que non o son!) combínase cos efectos da crise capitalista e os importantes movementos das placas tectónicas do sistema internacional en Ucraína e Taiwán. E isto, politicamente falando, é dinamita. Para desactivar esta bomba de tempo requirirase de moita habilidade política, intelixencia e forza, para tomar decisións difíciles que provocarán acesos debates. Oxalá que Lula poida demostrar que posúe esas virtudes.

 

[Artigo tirado do sitio web do xornal arxentino Página12, do 9 de xaneiro de 2023]

Volver