Bloqueada a negociación do convenio colectivo de Ecourense

Caso de romper poderían convocarse mobilizacións na empresa que recolle o lixo da cidade

Ourense -

A negociación do convenio da empresa concesionaria da recollida dos residuos sólidos urbanos do concello de Ourense, está en punto morto e bloqueada, con posicións moi distanciadas que ben poden provocar a ruptura do diálogo, coa conseguinte conflitividade que isto suporía.

Así o explican CIG, UGT, USO, CCOO e CESI-F, quen aseguran que, logo de practicamente un ano enteiro de contactos, que comezaron aló polo 12 de xaneiro, e malia a intervención dun mediador nomeado polo Consello Galego de Relacións Laborais, a posición da empresa segue inamovible e a súa actitude para nada contribúe á consecución dun acordo.

Nas cinco reunións mantidas coa presenza do mediador, o comité de empresa fixo verdadeiros esforzos para tentar lograr espazos de consenso, renunciando a importantes reivindicacións e rebaixando pretensións en materia de melloras sociais e económicas. Mesmo tamén a figura do mediador tendeu diversas pontes e fixo propostas de acordo que contribuían a poder levar a bo porto unha difícil negociación na que todas as partes cedíamos nas nosa aspiracións.

Todo foi inútil. A representación de ECOURENSE UTE foi rexeitando unha por unha todas as propostas e mesmo contraofertou con recortes en salarios e melloras xa consolidadas como a retribución no caso de baixa.

Decisións unilaterais

Por se fose pouco, ao longo de todo este ano ECOURENSE adoptou decisións unilaterais, sen respectar nin cumprir o convenio colectivo, nin contar para nada coa opinión da representación sindical (o que conculca abertamente o establecido no Estatuto dos Traballadores) en materia de xestión empresarial, organización e contratación, que viñeron significar que mentres uns traballadores dobraban quenda de traballo, outros eran contratados ou prestaban os seus servizos en situación de absoluta precariedade. Esta práctica abusiva deu lugar a denuncias ante a Inspección de Traballo e á presentación de demandas xudiciais.

O próximo martes, día 20 de decembro, as/os representantes das/os traballadoras/es manterán unha nova reunión da mesa negociadora, a 6ª en presenza do mediador. De non avanzar e de comprobar que a Dirección de ECOURENSE mantén a mesma posición inmobilista, o comité de empresa convocaría a todos os traballadores a unha Asemblea para trasladarlle toda a información e consultar con todos eles os pasos que tiveramos que dar de aquí en adiante para defender o noso convenio colectivo.

“O que si estamos en situación de afirmar desde agora mesmo é que non imos permitir que se destrúa un convenio que tanto esforzo, tanta loita e tanto sacrificio  nos custou conquistar”, advirten.

Volver