As guerras do imperio en Latinoamérica e o Caribe

Atilio Boron -

Washington reorganiza as prioridades da súa axenda de política exterior e volve os seus ollos cara a Latinoamérica e o Caribe, esa “retagarda estratéxica” do imperio como a denominaran Fidel e o Che

 O título deste artigo pode levar a crer que o obxecto destas breves liñas será lembrar as numerosas aventuras militares do imperialismo norteamericano na Nosa América, sobre todo en Centroamérica e o Caribe, “a terceira fronteira imperial” como felizmente a definira o profesor e ex presidente da República Dominicana Juan Bosch. Mais non: o noso propósito é examinar as guerras actuais do imperialismo, as que ao día de hoxe se libran contra Cuba e Venezuela. A pesar de que a Cimeira da CELAC 2014 declarou a Nosa América como Zona de Paz, o certo é que os países arriba nomeados son vítimas dunha guerra non declarada, pero non por iso menos prexudicial. Os cambios na “arte da guerra” ao longo das últimas décadas tiveron como unha das súas consecuencias invisibilizar o enorme dano que hoxe se pode inflixir ás poboacións agredidas e agochar, polo menos parcialmente, a responsabilidade criminal que lle cabe ao país agresor. Nos casos que nos ocupan, os Estados Unidos son quen, sen mediar unha declaración formal de guerra, que requiriría unha lei do Congreso dese país, leva máis de sesenta anos facéndolle a guerra a Cuba, con total impunidade, e dez anos a Venezuela.

 O caso venezolano distínguese do cubano porque existe unha Orde Executiva asinada o 9 de marzo do 2015 polo daquela presidente Barack Obama mediante a cal se declaraba a “emerxencia nacional” ante a “ameaza inusual e extraordinaria que a situación de Venezuela supuña para a seguridade nacional e a política exterior dos Estados Unidos”. É difícil ao re-ler estas liñas non pensar na soberana ridiculez da devandita Orde Executiva. A “seguridade nacional” da maior potencia militar e financeira do planeta ameazada pola Venezuela bolivariana! O pretexto, porque para todo o imperio ten un pretexto, foi sancionar a sete funcionarios dos organismos de seguridade do Estado venezolano que participaran no combate ás sanguentas “guarimbas” que arrasaron o país entre febreiro e maio do 2014 e que eran acusados de incorrer en prácticas de violación dos dereitos humanos.

 No caso cubano as medidas coercitivas unilaterais comezaron pouco despois do triunfo da Revolución cando o presidente Dwight Eisenhower en xaneiro de 1960 prohibiu a exportación de todo produto a Cuba (agás alimentos e medicamentos) e reduciu a cota de azucre que a illa exportaba aos Estados Unidos, afectando seriamente a economía cubana. En marzo dese ano autorizara á CIA que organizase, adestrase e equipase a emigrados cubanos e outros mercenarios para organizar unha invasión a Cuba co fin de derrocar a Castro, cousa que infrutuosamente se tentou en abril de 1961 en Playa Girón. Poucos meses antes, o 3 de xaneiro de 1961, Eisenhower rompera as relacións diplomáticas con Cuba. A perversa progresión do bloqueo en contra de Cuba é ben coñecida tanto como os efectos devastadores sobre a vida económica, social e política da illa. Non existe ningunha experiencia na historia universal, repito: na historia universal, dun país ou rexión que estivese sometida por unha gran potencia dominante a unha agresión económica, comercial, financeira, diplomática, cultural, mediática, deportiva e migratoria como a que Cuba, cunha dignidade e heroísmo exemplares, vén resistindo desde hai 65 anos. Os problemas da economía cubana son incomprensíbeis á marxe das devastadoras consecuencias dunha guerra que se estende durante tantas décadas

 Coa aceleración do curso declinante do imperio americano e ante a súa crecente perda de influencia en Asia, cada vez máis virando ao redor dos dous xigantes rexionais: China e a India; coa súa tenue presenza no continente africano; o enfraquecemento irreversíbel dos países europeos, reducidos á condición de dóciles serventes do amo imperial e sen gravitación sequera na súa contorna xeopolítica inmediata como Oriente Medio ao que hai que engadir o inesperado renacemento de Rusia como actor global, Washington reorganiza as prioridades da súa axenda de política exterior e volve os seus ollos cara a Latinoamérica e o Caribe, esa “retagarda estratéxica” do imperio como a denominaran Fidel e o Che. En efecto, a nosa rexión é un fenomenal emporio de recursos naturais, como o definiu un venezolano ilustre e gran secretario xeral da UNASUR, Alí Rodríguez Araque. E ante o cambio na correlación mundial de forzas, en detrimento de Estados Unidos, Donald Trump alentado polos seus falcóns -entre eles o fiel lobbista do sionismo, Marco Rubio- ordena á súa frota de mar patrullar o Caribe meridional, acosar a pescadores venezolanos nas súas augas territoriais, agredilos e intimidalos e, segundo confesión propia, nun par de casos asasinalos friamente logo de acusalos, sen achegar proba ningunha, de seren narcotraficantes. Estas supostas narcolanchas pretendían lograr unha verdadeira proeza náutica nun mar protexido por unhas corenta bases militares estadounidenses ademais dunha decena de navíos de guerra que estaban patrullando a rexión, a pesar do cal desafiantemente se dirixían coas súas pequenas embarcacións supostamente cargadas de cocaína e fentanilo con destino ás costas estadounidenses. A mentira é tan flagrante que a única conclusión posíbel é que na súa desesperación Trump apela a calquera expediente, mentindo sen escrúpulos e mesmo executando a sangue frío a pescadores de atún en aberta violación da legalidade do seu país que exixe a detención dos supostos delincuentes para seren levados a xuízo e a incautación do seu cargamento para confirmar a súa natureza.

 Trátase, entón, de actos de agresión militar nunha guerra non declarada, pero guerra á fin. Actos que se inscriben nunha longa listaxe de agresións non militares, pero letais que Venezuela sufriu nesta longa guerra que comeza coa infame Orde Executiva de Obama do 2015. Se o obxectivo dunha guerra convencional é destruír mediante o emprego da forza as instalacións militares, a infraestrutura e desestruturar por completo a vida económica do país agredido, na guerra de quinta xeración eses obxectivos lógranse por outros medios: medidas coercitivas unilaterais (vulgo: “sancións”) que producen gravísimos danos na economía, prexudicando as relacións comerciais con terceiros países, desalentando investimentos en Venezuela e destruíndo a normalidade da vida económica ao interior do país; tamén con atentados mediante ciberataques a encoros, pontes, refinarías, abastecemento de auga e enerxía eléctrica e o caída das redes sociais e a Internet; con campañas de desinformación, satanización das autoridades do país agredido (por exemplo, inventando unha organización criminal, o Cártel dos Soles, e dicindo que o seu xefe é o presidente Nicolás Maduro Moros); ou coa organización e financiamento de grupos criminais como as tristemente coñecidas “guarimbas” de 2014 e 2017 (ou, en Oriente Medio, a banda criminal dos degoladores en serie do ISIS, segundo confesión de Hillary Clinton) e a creación de climas de terror e temor na poboación.

 En poucas palabras, debemos recoñecer que Venezuela, igual que Cuba, está en guerra e que a unión do pobo co seu goberno e as súas forzas armadas foi a que até o de agora ergueu unha formidábel barreira ás pretensións do imperio, disposto a cometer calquera crime con tal de apoderarse da maior reserva comprobada de petróleo do mundo que se atopa na patria de Bolívar e de Chávez e a poñer fin á Revolución Cubana, ese faro exemplar que deu mostras dunha resiliencia absolutamente excepcional, sen precedentes na historia universal. Para lograr estes dous obxectivos Trump e os seus colegas son capaces de facer calquera cousa. E se até o de agora non o fixeron é porque aínda está moi fresca a memoria das derrotas experimentadas en Corea, en Vietnam, o Líbano, en Afganistán e en Playa Girón. Ou a “vitoria” conseguida en Iraq que aos se converteu nunha derrota política, do mesmo xeito que a máis recente en Siria, onde Washington causou estupor e repulsa universal porque logo de urdir a “primavera de cores” que acabou co “réxime” de Bashar al Asad unxiu como presidente dese país a Al-Sharaa, un criminal en serie sobre cuxa cabeza había unha recompensa de dez millóns de dólares por ser o líder do grupo terrorista islámico Hayat Tahrir al-Sham (HTS). E saben na Casa Branca que se escalan a agresión en contra de Cuba e Venezuela, un tsunami antiestadounidense percorrerá toda Latinoamérica e se cadra tamén o Sur Global, onde hai actores moi poderosos que desexan importar o petróleo venezolano. Un novo tsunami que, tal como ocorreu a comezos de século, acabou coa derrota do ALCA, o gran proxecto que os expertos e analistas do imperio elaboraran para todo o século vinte e un.

 

[Artigo tirado do sitio web Telesur, do 21 de setembro de 2025]

Volver