Arrincan as mobilizacións en Illunion Lavanderías de Santiago por un convenio digno
Están previstas catro xornadas de folga, novas mobilizacións a vindeira semana e unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais mañá mércores
Compostela -
O persoal de Ilunion Lavanderías de Santiago de Compostela, mobilizouse este luns, día 21 de abril, xunto coa CIG-Servizos de Compostela diante das instalacións da empresa para demandar un convenio colectivo que mellore as condicións laborais e salariais. Esta acción dá inicio a un calendario de protestas que inclúe catro xornadas de folga os días 28 e 29 de abril e 2 e 3 de maio, así como novas mobilizacións a próxima semana, á espera do que dea de si a xuntanza que se celebrará mañá coa mediación do CGRL.

Ilunion Lavanderías, pertencente ao grupo Once, é un centro especial de emprego que conta con arredor de 200 traballadoras e traballadores, dos cales o 90% ten algún tipo de discapacidade. O persoal presta servizos de lavandería industrial para hospitais, hostalaría e empresas, en xornadas intensas de luns a domingo, incluíndo festivos.
As súas condicións están reguladas por un convenio provincial de lavanderías da Coruña, desactualizado desde 2012, que fixa salarios base de 964 euros, complementados administrativamente ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
As negociacións para un novo convenio non avanzaron debido á proposta insuficiente da empresa, que incluía un incremento salarial mínimo, unha pequena suba nos complementos por festivos e domingos, e a ampliación de horas para consultas médicas.

O comité de empresa considera estas medidas inadecuadas e reclama a redución da xornada laboral, esencial para un colectivo que realiza tarefas fisicamente esixentes, permanecendo 8 horas de pé en condicións de altas temperaturas e con riscos bacteriolóxicos. O incremento do salario base nas categorías máis baixas, incorporando o SMI nas táboas salariais para cumprir a legalidade e a mellora das condicións laborais, recoñecendo a penosidade, perigosidade e toxicidade do traballo.
A CIG-Servizos de Compostela lembra que Illunion recibe importantes axudas públicas da Xunta de Galiza e da Unión Europea, que financian boa parte dos salarios e apoian a contratación e melloras na planta. Porén, persisten problemas como a dificultade para exercer dereitos de conciliación e a necesidade de recorrer á folga para garantir salarios dignos. De non haber avances, o comité estudará convocar novas xornadas de folga.