Arranca a folga indefinida na planta de tratamento de residuos de Albada

Dende ás 22 horas un piquete permanece diante das instalacións

A Coruña -

A folga indefinida convocada en Albada en defensa do emprego, as condicións laborais e a viabilidade da planta de tratamento de residuos de Nostián, arrincaba este domingo ás 22 horas cun seguimento do 100% do persoal. Dende pouco despois das 21:30 horas, un numeroso piquete informativo permanecía no acceso ás instalacións para informar os compañeiros/as das subcontratas que non están chamados á folga e o persoal da recollida de lixo da Coruña e do Consorcio das Mariñas cales son os motivos da convocatoria e as súas reivindicacións.

O persoal demanda do Concello da Coruña que proceda á intervención ou ao rescate da concesión como única saída ao conflito, diante da teima de Albada (do grupo Urbaser) de aplicar un ERTE fraudulento para 39 persoas, unha modificación substancial das condicións laborais para outras 35, despedir a traballadores/as 20 eventuais e a 15 operarios/as de subcontratas.

Xunto a isto, a empresa quere dar por decaído o convenio a partir de xaneiro próximo (co obxectivo de meter un recorte na partida de persoal de 650.000€) e impedir a entrada dos camións do lixo do Consorcio das Mariñas, malia estar en situación de prórroga forzosa. Esta decisión unilateral e de dubidosa legalidade pon en risco a viabilidade futura das instalacións, xa que non tratar os residuos do concellos do Consorcio suporá unha caída da actividade do 40%.

Precisamente esta situación xerada pola propia empresa é a escusa que utiliza para xustificar todo o seu paquete de recortes. Por iso, para o persoal estamos ante un novo episodio de chantaxe e extorsión de Urbaser os traballadores/as e a toda a cidadanía da Coruña e do Consorcio, a través "do que pretende rematar a súa nefasta etapa de concesionaria" con maiores beneficios, cando como ben lembraba o delegado da CIG, Hadrián Canosa, en 20 anos de xestión, Albada nin sequera logrou acadar as cotas de reciclaxe esixidas.

Por iso, a representación da CIG reclama do Concello da Coruña que proceda á intervención ou ao rescate inmediato da concesión, xa que esta é a única garantía de que Albada non leve adiante todo o seu plan de recortes.

Volver