Amplo seguimento da folga convocada pola CIG na defensa de dereitos laborais en Correos
O persoal aproveitou a xornada para mobilizarse na sede central da empresa en Santiago contra o Acordo Marco asinado por CCOO, UGT e CSIF
Nacional -
A xornada de folga convocada hoxe pola CIG no servizo de Correos en Galiza rexistrou un amplo seguimento entre o persoal do sector, que aproveitou para desenvolver unha concentración diante da sede central da empresa pública en Santiago. Con estas mobilizacións a central sindical quere amosar o seu rexeitamento ao Acordo Marco asinado por CCOO, UGT e CSIF que suporá perda de dereitos laborais e non inclúe melloras salariais vinculadas ao IPC nin recupera o poder adquisitivo perdido en anos anteriores.

A convocatoria deste paro de 24 horas tivo réplica tamén noutros territorios do Estado da man de distintas organizacións sindicais, entre elas as que xunto á CIG integran a plataforma sindical creada para loitar contra o Acordo Marco (CIG, LAB, SiPcte, ESK, Intersindical Canaria, ELA e Intersindical Valenciana) ao entender que terá un impacto negativo na saúde do persoal ao aumentar a presión, a sobrecarga de traballo e as condicións precarias.
Dende a CIG-Correos explican que CCOO, UGT e CSIF están citados este luns 30 de xuño para ratificarse na negociación do Acordo e comezar coa segunda fase do proceso, na que pretenden modificar á baixa as condicións laborais e retributivas de todas as persoas traballadoras de Correos. “Ademais, queren que o negociado no Acordo Marco se inclúa no IV Convenio Colectivo”, censuran dende a central sindical.
Algunhas das medidas desta segunda fase, que xa se están a aplicar, contemplan o compromiso de que os gastos de persoal anual non superen o 70% dos ingresos. “Isto quere dicir que como mínimo debe reducirse o cadro de persoal de Correos en 8000 persoas, ademais dunha ‘contratación cero’ ou reducida a mínimos nunca vistos en Correos”. Tamén se inclúe un plan de saídas low cost para o persoal laboral “feita á medida para reducirlle gastos á empresa”.
Outra medida é a creación dunha cuarta quenda de martes a sábado á tarde. “Non se especifica cal será o sistema de selección das persoas nas unidades afectadas que pasarán a prestar servizo nesa quenda”. A maiores, modifícase a estrutura dos grupos profesionais e das áreas funcionais, “co que pretenden que fagamos o traballo de ATC, Axente Clasificación ou Reparto segundo as necesidades da empresa”.
Así mesmo, pactaron a transformación integral do réxime retributivo, despregando sistemas de medición individual do desempeño e incentivos. E un calendario estacional variábel en función da carga de traballo prevista en cada estación. “Cambiarannos o horario en determinados meses do ano, e as xornadas non poderán ser inferiores a cinco horas nin superiores a nove horas diarias”. Comprometéronse tamén a actualizar, aínda máis, a mobilidade funcional, xeográfica e intercentros.
“Se queres cobrar unhas esmolas máis a final de mes terás que vender os teus dereitos e non gozar das vacacións nos meses de xullo, agosto e setembro, ou poñer a disposición da empresa o 10% da túa xornada anual, é dicir 170 horas”. Polo que -advirten- estes sindicatos asinan o 30 de xuño “seremos as persoas empregadas das empresas públicas con menos dereitos de toda Administración”.
Falta de transparencia
Diante disto, a plataforma sindical composta por CIG, LAB, SiPcte, ESK, Intersindical Canaria, ELA e Intersindical Valenciana está a levar a cabo unha serie de accións e de mobilizacións para amosar a súa oposición ao Acordo Marco, como a protesta que desenvolveron o pasado xoves 19 de xuño diante da sede central de Correos en Madrid.
Tamén rexistraron dous escritos, un na sede central de Correos dirixido ao presidente da empresa pública e outro no Congreso de Deputados/as dirixido á Mesa do Congreso denunciando que o Acordo Marco “foi negociado cunha falta de transparencia escandalosa, con reunións bilaterais con determinadas organizacións sindicais, ao marxe do resto”.