Alberto Trentini: USAID, inxerencia e desestabilización

Yoselina Guevara L. -

É amplamente coñecido o papel que cumpre a USAID para xerar ao redor do mundo cambios de gobernos que non sexan afectos aos intereses dos Estados Unidos. En anos recentes temos o caso, suficientemente documentado de Nicaragua e a estreita colaboración entre USAID con medios de comunicación “independentes”, abertamente opositores ao goberno de Ortega

 A partir do 10 de xaneiro de 2025 coa toma de posesión de Nicolás Maduro Moros como presidente reelecto polos venezolanos e venezolanas, os máis importantes informativos italianos que forman parte da cadea de radiotelevisión nacional RAI (Radiotelevisión Italiana), así como os principais xornais, incluídos algúns de tendencia de esquerda, están a difundir na península itálica a noticia do “secuestro” o día 15 de novembro de 2024 polo “réxime venezolano” do cidadán italiano Alberto Trentini, o cal durante os meses de novembro e decembro de 2024 nunca foi mencionado polos medios de comunicación. Agora repentinamente até o famoso programa de televisión “Chi l'ha visto?” (Quen o viu?) que se ocupa de persoas desaparecidas, dedicou un espazo para tratar o caso deste cidadán italiano.

 O que chama máis a atención é o silencio do goberno italiano, silencio que romperon parcialmente na voz do seu Chanceler Tajani, tristemente famoso polos seus insultos ao compañeiro revolucionario Darío Vivas, para sinalar “non é unha represalia de Maduro, estamos a traballar e non é momento de polémicas” (https://www.ansa.it/sito/notizie/cronaca/2025/01/15/tajani-il-caso-di-trentini-non-e-una-rappresaglia-di-maduro_9d79a2d5-4290-43c2-860e-4b788b23dbd9.html). Todo isto lévanos a supor que efectivamente manexan unha substanciosa información acerca do traballo que estaba a realizar Trentini en Venezuela, e que probabelmente non se limitaba só á entrega de “axuda humanitaria”.

ONG Humanity & Inclusion,  USAID e  Departamento de Estado dos Estados Unidos (EUA)

 Ao revisar en internet o currículo de Alberto Trentini, este defínese como un “profesional con máis de dez anos de experiencia nos sectores de desenvolvemento e humanitario con ONG internacionais en Suramérica, Etiopía, Nepal, Grecia e O Líbano”, ademais de ter unha  experiencia comprobada en xestión de proxectos, coordinación, planificación de propostas, recursos humanos e loxística. Fala italiano como lingua materna, domina o español, inglés e francés, polo cal podemos describilo como un cooperante internacional con experiencia que participou en distintas misións ao redor do mundo.

 O punto interesante é que Trentini  pertence á ONG “Humanity & Inclusion”, unha organización francesa fundada en 1982 por dous médicos para axudar as vítimas afectadas polas minas terrestres nos campos de refuxiados de Cambodia; labor que se ampliou ás persoas con discapacidade, un sector que non pode deixar de ter todo o noso afecto, sensibilidade e solidariedade.

 Con todo, cando se verifica quen son os principais partners da ONG “Humanity & Inclusion” vemos que son o Goberno de Estados Unidos, a Oficina de Asuntos Humanitarios de USAID, o Departamento de Estado de Estados Unidos a través da Oficina de Asuntos Político-Militares de Retirada e Redución de Armas (PM-WRA) conxuntamente coa Oficina de Poboación, Refuxiados e Migración (PRM), a Unión Europea coa Dirección de Operacións europeas de protección civil e axuda humanitaria, e as Nacións Unidas, información verificábel en (https://www.hi-us.org/en/our-partners).

 Estando detrás da fachada da ONG “Humanity & Inclusion”, todos estes organismos cunha ampla e comprobada participación en accións desestabilizadoras contra gobernos democráticos, ademais do financiamento e organización de golpes de estado, débese pensar que efectivamente algo estaban a tramar ou tratando de estruturar en Venezuela estes enviados da devandita organización non gobernamental. Non estamos a afirmar que Trentini sexa un “mercenario”; polo de agora é un cidadán estranxeiro detido baixo investigación con presunción de inocencia e a xustiza venezolana e internacional cumprirán co seu deber e informarán no momento xusto acerca deste tema.

 É necesario sinalar que dentro da complexa estructuración dun plan desestabilizador actúan diferentes suxeitos que van  cumprir tarefas específicas como mapeo de vías de acceso, puntos de comunicación, información acerca da poboación, sitios para almacenamento de loxística e armas, así como outras funcións de tipo de administrativo. De aí que non necesariamente estes  informantes sexan mercenarios ou criminais; porén, este tipo de operacións de inxerencia están penalizadas polas leis de Venezuela, como é normal en calquera país.

USAID financiamento da desestabilización en Nicaragua

 É amplamente coñecido o papel que cumpre a USAID para xerar ao redor do mundo cambios de gobernos que non sexan afectos aos intereses dos Estados Unidos. En anos recentes temos o caso, suficientemente documentado de Nicaragua e a estreita colaboración entre USAID con medios de comunicación “independentes”, abertamente opositores ao goberno de Ortega, que se encargaban de producir contidos dixitais a través dos cales se incitaba á rebelión e á desestabilización.

 A resposta oficial nicaraguana foi a aprobación en 2020 da Lei de Axentes Estranxeiros e unha lei contra o terrorismo, os golpes de estado e a incitación á intervención estranxeira. A pesar que estas leis son menos estritas e punitivas que a normativa vixente nos Estados Unidos e Europa, o goberno norteamericano queixouse pola entrada en vixencia destas.

 En agosto de 2020, William Grigsby, recoñecido xornalista nicaraguano e militante da Fronte Sandinista de Liberación Nacional (FSLN) fixo público o RAIN (Acción Responsábel en Nicaragua) un documento filtrado da USAID no cal se detallaban os plans de desestabilización estadounidenses para a “transición” gobernamental en Nicaragua, e mesmo a contratación dunha empresa norteamericana que se encargaría de toda a administración.

 O RAIN da USAID esbozaba nese momento tres posíbeis escenarios para alcanzar a transición democrática en Nicaragua:

 Primeiro escenario: celebración de eleccións libres, xustas e transparentes que deberían conducir a unha transición ordenada, coa vitoria dun candidato/a seleccionado polos Estados Unidos e afecto totalmente a Washington.

Segundo escenario: transición política repentina a través dun golpe de estado que conducise a un goberno apoiado polos Estados Unidos.

Terceiro escenario: o goberno de Ortega seguiría resistindo a presión nacional e internacional, o illamento, levando a cabo reformas e comicios  electorais, pero sen cambios que beneficien as corporacións estadounidenses.

 Para os venezolanos e venezolanas a substancia deste documento “RAIN” é bastante familiar, de feito viviuse na Patria de Bolívar desde a chegada ao poder do Comandante Chávez, sendo o mesmo guión que tamén lle aplicaron ao Presidente constitucional Nicolás Maduro Moros. Son manuais ianquis que non cambian, ausentes para a nosa fortuna de toda creatividade e innovación, os cales o pobo venezolano cos seus líderes en perfecta unión popular-militar-policial segue enfrontado e vencendo pola súa autodeterminación a ser libres e soberanos.

_____________________________________________________________________________

A autora é xornalista e analista política. Gañadora do Premio Nacional de Xornalismo Simón Bolívar 2022.

_____________________________________________________________________________

 

[Venezuela, xaneiro de 2025]

Volver