A CIG solicita personarse como acusación particular no proceso aberto na limpeza viaria da Coruña

A Coruña -

A CIG da Coruña solicitou personarse como acusación particular no procedemento xudicial aberto polas supostas ilegalidades na contratación de persoal no servizo de limpeza viaria do Concello da Coruña. Así se anunciou este luns nunha rolda de prensa, na que tamén se lle reclamou á administración municipal que exerza as súas funcións fiscalizadoras e inspectoras sobre as súas contratas.

"Reclamamos unha investigación profunda dos feitos que nos libere da trama corrupta entre a empresa e o falso sindicato STL, que o único que fai é prexudicarnos", aseverou Carlos Castro, delegado da CIG na UTE A Coruña Limpieza (adxudicataria do servizo de limpeza viaria), quen compareceu acompañado do delegado sindical da CIG na empresa, José Antonio Seijas, o secretario da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez, o secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, e o responsábel do sector de limpeza do sindicato, Mario Díaz.

"Como se está comprobando agora, gran parte dos cartos que deberían estar destinados a remunerar o noso traballo pérdese polo camiño para quedar en moi poucas mans", valorou Castro, quen explicou que as irregularidades na contratación de persoal xa foran denunciadas cando entrou a nova concesionaria, nunha reunión coa actual concelleira do PSOE.

Ademais, apuntou que, durante o período de elaboración dos pregos de condicións da limpeza viaria, a representación da CIG solicitáralle por escrito ao Goberno da Marea que incluíse a creación dunha bolsa de emprego (ao igual que xa existe en moitas contratas deste tipo) con criterios obxectivos e claros, supervisada polo Concello, para o acceso aos postos de traballo.

"Pero o Concello non nos fixo caso, entendendo que non era necesaria. Agora compróbase que de existir unha bolsa de traballo non habería estar corrupcións nin se lle estaría cobrando á xente por traballar ", salientou Castro. A este respecto, subliñou que en Ourense, a instancias da CIG, xa se conseguiu este obxectivo, "co que a organización que pretendía xestionar esa contratación (o STL) de maneira corrupta desapareceu".

O delegado do persoal puxo o acento na responsabilidade das empresas "colaboradas necesarias, porque entregan a contratación dos/as traballadores/as a este tipo de persoas, dándolle poder para facer e desfacer. Quen sae prexudicado son as persoas que queren traballar (a quen se lles obriga a pagar), o persoal xa contratado, porque na negociación colectiva para que gañen algúns perdemos todos/as" e o conxunto da cidadanía, que paga por un servizo que non se mellora.

Lembrou Castro que o persoal da limpeza viaria estivo sen convenio e sen suba salarial dende 2019 até 2022, ano no que tiveron un incremento do 4%, malia que na mediación do AGA se pactara un 6,5%. "Pero volvéronse atrás e coa complicidade da maioría do comité de empresa (o STL ten 8 representantes de 9) rebaixaron a suba ao 4%".

Por iso, insistiu Castro, "desde a CIG esiximos unha investigación profunda que desvele toda a trama oculta que existe detrás da pantalla do falso sindicato".

Privatización dos servizos públicos e falta de supervisión

Abundando nesta cuestión, o secretario da CIG-Servizos da Coruña, Roberto Pérez, apuntou que hai xa tempo a CIG puxo en coñecemento da fiscalía e das autoridades municipais toda esta situación "sen que houbese reacción ningunha até o de agora". Reclamou unha investigación a fondo "para esclarecer todo o que hai detrás do que está saíndo á luz agora, pero que xa era coñecido".

"Estamos nunha situación de degradación total e absoluta dos servizos públicos e dos cartos públicos, porque entre as empresas e ese falso sindicato levaron ao máximo a corrupción e o trapicheo para que dúas ou tres persoas se lucren. É un escándalo", criticou. 

Advertiu que o que está pasando é consecuencia directa da privatización de servizos públicos sumada á nula supervisión das administracións. "A contratación, que debería estar suxeita á supervisión directa do Concello, pasa a mans privadas o que facilita as tramas de corrupción que buscan o lucro vendendo postos de traballo directamente". Considerou que, se o acceso ao emprego estivera rexido polas normas de acceso á función pública, non sería posíbel desenvolver esta trama.

Nesta mesma liña, Xabier Filgueira, secretario comarcal da CIG da Coruña, puxo o acento na fraude que supón a cesión da potestade directiva da contratación. "A través duns subterfuxios, a empresa delega a terceiros o que sería parte básica das relacións laborais: contratar e despedir", sinalou. Para Filgueira esta cuestión apunta directamente ao Concello da Coruña, xa que o propio prego de condicións determina unha serie de tarefas inspectoras e fiscalizadoras da administración sobre a contrata, "pero non se actúa coa dilixencia debida".

De aí que, máis alá das responsabilidades penais que se determinen na causa aberta, a CIG reclama da administración municipal que cumpra co seu propio prego de condicións e exerza a súa responsabilidade inspectora e fiscalizadora co máximo celo.

Volver